Culleredo acolle este martes unha xornada sobre conciliación e diversidade familiar

ACoruñaXa
Celebrarase no parque Europa do Burgo en horario de 10:00 a 14:30 horas
xornada-culleredo
2 sep 2024

A Asociación de Familias Monomarentais de Galicia (Fagamos) estará o este martes 3 de setembro en Culleredo para levar a cabo a xornada Moito que facer!, dedicada á conciliación e á concienciación sobre a diversidade familiar e coa que colabora o Concello de Culleredo. Celebrarase no parque Europa do Burgo en horario de 10:00 a 14:30 horas.

A xornada encádrase dentro dunha iniciativa itinerante polas catro provincias de Galicia e celebrarase en 24 localidades diferentes co obxectivo de sensibilizar á poboación sobre a importancia de que a igualdade, a conciliación e a corresponsabilidade débense entender tendo en conta a diversidade familiar da nosa sociedade.

A entrada será gratuíta para todas as persoas interesadas, pero débese realizar unha inscrición previa, ben de forma presencial o mesmo día da xornada na mesa informativa ou a través da páxina web www.fagamos.com.

Esta iniciativa está dirixida a todo tipo de familias, que poderán participar en distintas actividades que terán como fío condutor o título das xornadas, Moito que facer!, do que se fai unha dobre interpretación. Por unha banda, refírese aos quefaceres diarios que deben atender as persoas que coidan e, por outra banda, o moito que queda por facer na sociedade para que exista unha verdadeira corresponsabilidade no campo dos coidados.

A partir das 10:00 horas habilitarase unha carpa informativa onde se poderá acceder a materiais e recursos relacionados coa conciliación, a corresponsabilidade, os coidados con perspectiva de xénero, a lexislación actual ou as axudas existentes.

A partir das 12:00 horas haberá unha charla formativa e un faladoiro, onde se profundará nos datos que mostran o impacto que teñen nas vidas das mulleres as desigualdades que existen respecto ás tarefas do fogar e da crianza, ademais doutras temáticas relacionadas coa conciliación familiar.

Os nenos e nenas que asistan á xornada poderán participar e ser protagonistas nun xogo sobre a corresponsabilidade no fogar. Doutra banda, todas as persoas rexistradas que participen na charla informativa ou no faladoiro recibirán un agasallo.

Esta actuación, organizada por Fagamos coa colaboración do Concello de Culleredo, forma parte do proxecto Currunchiños de Conciliación do Plan Corresponsables e está financiada pola Consellería de Política Social e Igualdade e polo Ministerio de Igualdade.

Para solicitar máis información pódese chamar ao teléfono de contacto 881 563 212 ou escribir ao correo info@fagamos.com.

0.18247509002686