Culleredo abre o prazo para cubrir 222 prazas en actividades culturais e deportivas
O Concello de Culleredo inicia o proceso de matrícula para cubrir as 222 prazas vacantes nas actividades culturais e deportivas do curso 2024/2025. A oferta inclúe opcións para todas as idades en disciplinas como marcha nórdica, pilates, ximnasia de mantemento ou patinaxe, entre outras.
En deportes para adultos destacan prazas en ritmo zum e marcha nórdica, mentres que para os máis pequenos hai opcións en kárate, psicomotricidade ou ximnasia rítmica. No ámbito cultural, os adultos poderán inscribirse en actividades como artesanía galega, patchwork ou fotografía con móbil, e os nenos en Cullerchef, debuxo e pintura, e deseño de videoxogos.
O período de matrícula estará aberto do 17 ao 30 de decembro, en horario de 9:00 a 14:00 horas, e deberá realizarse presencialmente no Edificio de Servizos Múltiples de O Burgo. As prazas asignaranse por orde de chegada. Toda a información sobre horarios e localizacións está dispoñible na web municipal.