Cullerciencia enche o paseo marítimo cos últimos avances en divulgación científica

O paseo marítimo do Burgo acolleu este sábado, 6 de xuño, a celebración da oitava edición de Cullerciencia, a feira de ciencia escolar do municipio. “É xa unha feira consolidada e referente en Galicia”, expresou o alcalde, José Ramón Rioboo, na apertura da cita.
Un ano máis, a feira conxugou o talento coa ilusión dos mozos científicos, espertando un gran interese entre un público que asistiu en gran número ao longo da xornada. Como é habitual, os experimentos de todo tipo e as exposicións de proxectos foron o denominador común dos 34 postos instalados no evento, organizado polo CEIP Ría do Burgo e o Concello de Culleredo.
“É un auténtico orgullo ver o esmero que puxeron os escolares por ofrecernos esta festa da divulgación científica”, expresou Rioboo na apertura de Cullerciencia, que estivo acompañada pola música de Ancoradoira. Na visita aos postos, o alcalde estivo acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, pola directora do Ría do Burgo, Uxía Sedes, e pola concelleira de Educación, Cristina Pardo, así como por profesorado e demais edís da corporación.
Durante a súa visita aos diferentes postos, o alcalde puxo especial atención nos experimentos dos distintos centros escolares, onde destacaron varios proxectos pola súa innovación e complexidade, abordando ámbitos como o medio ambiente ou a seguridade, entre moitos outros. “É sobresaínte a maneira didáctica que teñen os rapaces para explicar os seus proxectos”, sinalou Rioboo, quen considera que é “a mellor proba dos beneficios da iniciativa a nivel educativo”.
Os grandes protagonistas do recinto foron os centros escolares, destacando non só a presenza dos centros do municipio, senón tamén doutros chegados desde concellos como Oleiros, Cambre, A Coruña, Vigo e As Pontes, aínda que tamén chegaron visitantes doutros moitos puntos.
Así mesmo, na feira púxose en marcha un carné que certificaba a visita aos diferentes postos. Quen o completaba levaba un agasallo.
O CEIP Ría do Burgo volcouse para difundir a cita, realizando retransmisións en streaming a través da súa canle na plataforma Twitch e na radio escolar, tamén presente.