CUAC FM celebra esta tarde a gran gala dos Premios OsCuacs polo seu 30 aniversario

ACoruñaXa
O auditorio de Afundación acollerá desde as 20.00 horas unha cita aberta á cidadanía con alfombra amarela, actuacións en directo e moitas sorpresas
A CORUÑA oscuacs
13 Jun 2026

CUAC FM continúa este sábado coa programación especial do seu 30 aniversario coa celebración da gala dos Premios OsCuacs, unha das citas máis emblemáticas da emisora comunitaria coruñesa. O evento terá lugar ás 20.00 horas no auditorio de Afundación, no Cantón Grande, e contará con entrada gratuíta ata completar a capacidade da sala.

A gala abrirá as súas portas a toda a cidadanía para compartir unha noite de radio, humor e celebración. Como cada ano, os Premios OsCuacs recoñecen os mellores programas e profesionais da emisora en distintas categorías, como produción, locución, técnica ou contidos. Iso si, mantendo o espírito desenfadado que caracteriza esta tradición interna da radio comunitaria, na que o importante non é competir, senón compartir unha xornada de encontro entre as persoas que forman parte do proxecto.

Con motivo do 30 aniversario, a entrega de premios dará un paso máis e converterase nunha auténtica gala, con alfombra amarela, photocall, actuacións musicais en directo e outras sorpresas preparadas pola organización para conmemorar tres décadas de emisións na cidade.

CUAC FM leva desde 1996 apostando por un modelo de comunicación participativo e aberto á cidadanía, converténdose nun espazo de referencia para centos de colaboradores e colectivos sociais da Coruña. A emisora desenvolve durante este ano unha ampla programación de actividades para celebrar o seu aniversario e poñer en valor a traxectoria dun proxecto único no panorama radiofónico galego.

A gala dos Premios OsCuacs conta coa colaboración do Concello da Coruña a través da Concellaría de Cultura e Turismo e aspira a reunir tanto á comunidade da emisora como ao público que queira achegarse a coñecer de preto unha das iniciativas de comunicación comunitaria máis veteranas de Galicia.

0.1296079158783