Cruz Vermella busca familias de acollida
Cruz Vermella na Coruña busca familias de acollida. A organización convoca unha sesión informativa sobre o programa da Xunta este xoves, 22 de febreiro, ás 11.00 horas.
'A marabillosa tolemia de pensar co corazón' podería ser, perfectamente, a definición de sumarse á rede de familias acolledoras coa que conta Cruz Vermella no marco do programa da Xunta de Galicia para proporcionar os coidados, a seguridade, a educación e o agarimo que necesitan bebés, nenos, nenas e adolescentes mentres se solucionan as circunstancias que lles impiden, temporalmente, vivir coa súa familia de orixe. Unha definición que dá nome á campaña de Cruz Vermella para incrementar o número de familias de acollida coas que conta, que ascende a 159 na provincia da Coruña.
Co obxectivo de facilitar toda a información necesaria para entrar a formar parte do programa, Cruz Vermella organiza este xoves, 22 de febreiro, unha sesión informativa para todas aquelas persoas interesadas. O encontro, que terá lugar entre as 11 e as 13 horas na sede de Cruz Vermella na Coruña. A charla será de acceso libre con previa inscrición chamando ao no 981 221 000.
Só na provincia da Coruña, o programa de familias acolledoras xestionado por Cruz Vermella conta actualmente cun total de 159 familias que integran unha rede que, ao longo de 2023, fixo posible que 145 nenos e nenas tivesen un fogar temporal mentres non podían residir, por múltiples causas, coas súas familias de orixe.