Cruce de versións por unha vertedura detectada no Mandeo preto da depuradora

ACoruñaXa
O PP de Betanzos pide aclarar a orixe do episodio, mentres o Concello nega que proceda da EDAR e asegura que non se trata de augas fecais
BETANZOS vertido mandeo
2 Jun 2026

Unha vertedura detectada no río Mandeo, nas proximidades da estación depuradora de augas residuais de Betanzos, abriu un novo cruce de versións entre o Partido Popular e o goberno local. Os populares alertaron da aparición, na tarde deste luns, dun episodio contaminante que cualificaron como 'previsiblemente de augas fecais' á altura da depuradora municipal.

Desde o PP reclamaron ao Concello e ao resto de administracións competentes que actúen con 'máxima dilixencia' para determinar a orixe e as causas da vertedura. A formación pide tamén que se adopten as medidas necesarias para reducir o posible impacto ambiental no río Mandeo.

O Concello de Betanzos respondeu pouco despois para negar que a vertedura proceda da depuradora municipal. O goberno local asegura que a auga que sae da EDAR é limpa e sostén que o episodio denunciado polo PP responde a unha situación recorrente da que xa se informou en varias ocasións a Control de Vertidos de Augas de Galicia, dependente da Xunta.

Segundo a versión municipal, a vertedura prodúcese á altura da vía do tren, na zona de Miodelo, e é arrastrada pola marea ata a zona portuaria de Betanzos. O Concello insiste en que non se trata de augas fecais e lembra que o Seprona foi informado en diferentes ocasións desta situación e realizou comprobacións que, segundo o executivo local, certificaron que a orixe non está na depuradora betanceira.

0.14165782928467