Coruña revisará os acordos plenarios do ano 1962 que supuxeron a usurpación da Casa Cornide
Os grupos da Corporación municipal da Coruña aprobaron, por unanimidade na sesión ordinaria do pleno municipal celebrada este xoves, a revisión de oficio proposta polo Goberno municipal das resolucións tomadas polo Concello no ano 1962 que permitiron que a Casa Cornide acabase nas mans da familia Franco.
A medida supón, na práctica, que o Concello inicia oficialmente os trámites para recuperar este edificio histórico da Cidade Vella, co obxectivo de devolvelo ao patrimonio municipal. Así o expuxo esta mañá o concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, responsable tamén da área de Memoria Democrática, apuntando que “o informe xurídico encargado polo Concello para reclamar a Casa Cornide estima que houbo, naquel entón, un incumprimento dos requisitos e leis vixentes na transacción que lle permitiu aos Franco usurpar un ben que pertence á cidadanía da Coruña”.
É preciso lembrar que o Concello xa instou ao Ministerio de Educación e ao Ministerio de Facenda a realizar unha revisión de oficio da permuta feita no seu día. Desta forma, o Goberno de Inés Rey busca anular dúas decisións: o alleamento da propiedade municipal que se aprobou o 3 de xullo de 1962 e a adxudicación en poxa da Casa Cornide aprobada o 2 de agosto dese mesmo ano.
O concelleiro insistiu en que “estes dous pasos administrativos incurriron en ilegalidades claras” co obxectivo de “facilitar que a familia dun ditador obtivese a Casa Cornide como un agasallo”. Neste sentido, o concelleiro instou a Xunta de Galicia a dar os pasos necesarios para proceder á apertura ao público do edificio, “dado que a Casa Cornide é un Ben de Interese Cultural (BIC) desde o ano pasado”. Para isto, o Concello xa lle remitiu á Administración autonómica un escrito formal días atrás, reclamando esta apertura.
Unha vez que se aprobou no Pleno, o Goberno municipal contará cun prazo de seis meses para resolver a revisión de oficio dos acordos plenarios correspondentes ao ano 1962.