Coruña reformará o parque da praza de San Cristovo, que incorporará xogos inclusivos
O Concello da Coruña vén de licitar as obras de remodelación e ampliación da área de xogos infantís da praza de San Cristovo, fronte ao que é o acceso principal á estación de tren e futura estación intermodal.
A través desta intervención, que incrementará a superficie do parque infantil a 203 metros cadrados, o Goberno de Inés Rey dá resposta a unha solicitude da cidadanía, revitalizándoa, dotándoa de novos usos e instalando novos xogos ideados para un rango de idades máis amplo ca o actual.
Neste sentido, está prevista a unificación dos espazos de xogo nunha mesma superficie de caucho, pavimento que se renovará de forma integral para reforzar a seguridade das e dos pequenos. Ademais, retiraranse tres dos antigos xogos, pola deterioración que foron experimentado co paso do tempo, e incorporarase unha rede tridimensional de randeeiras, ideada para nenas e nenos de 4 a 14 anos, así como un novo bambán cunha cesta-múltiple de carácter inclusivo, semellante ao xa instalado no parque infantil da Sardiñeira.
Restauración do antigo tren de xogo e xogos inclusivos
No parque infantil de San Cristovo, unha das principais atraccións das e dos pequenos é o tren de xogo, unha estrutura que, polo desgaste derivado do seu uso e o paso do tempo, será restaurada. Unha vez que se inicien as obras e se retiren os antigos xogos, o tren será revisado, rehabilitado e, posteriormente, devolto á súa localización orixinal.
Xa desde o pasado mandato, o Goberno local está a impulsar o Plan integral de mellora dos parques infantís, unha iniciativa destinada a mellorar os espazos de xogo ao aire libre para as crianzas, atendendo ás necesidades específicas destas superficies en cada barrio da cidade.
Neste sentido, unha das liñas de acción máis destacadas do Plan é a inclusión de xogos adaptados, abrindo así os parques infantís á participación e gozo das nenas e nenos con mobilidade reducida.
Desde finais de 2021, cando se habilitou o primeiro carrusel integrador na área infantil dos Xardíns de Méndez Núñez, o Concello foi incorporando xogos deste tipo en espazos coma os parques infantís da praza Alcaldesa Berta Tapia (Labañou), a praza de Pontevedra, rúa Ribeira Sacra (Novo Mesoiro), o parque de Vioño, a praza Casares Quiroga (Elviña), a praza Elíptica (Os Rosales), rúa San Xaime (Sagrada Familia), na gran praza central de Xuxán e no parque infantil da Sardiñeira.