Coruña ofrecerá cursos formativos destinados a impulsar o desenvolvemento online de pequenos negocios
O Concello da Coruña poñerá en marcha, a partir do día 6 de xuño, un programa de apoio ás pequenas empresas da cidade, proporcionándolles oportunidades de formación para comezar a desenvolverse ou mellorar o seu posicionamento no entorno online.
A iniciativa está destinada a persoas autónomas, emprendedoras e pequenas empresas, co obxectivo de que aprendan a mellorar o seu negocio no entorno online e acaden competencias nas áreas do deseño web, as redes sociais desde o punto de vista empresarial, a visibilidade online, o deseño de marca e branding, a publicidade online, a creación de contidos e a estratexia de negocio.
O programa de formación está composto por oito obradoiros que se impartirán de maneira presencial no Centro de Empresas ACCEDE Papagaio e constarán dunha parte de formación teórica, de dúas horas de duración, e dun acompañamento individual, de catro horas.
Neste sentido, pódese obter máis información e realizar a inscrición no formulario que figura na seguinte páxina web.
Os obradoiros e as súas datas de realización son os seguintes:
- Como crear unha páxina web profesional desde cero (6 de xuño, de 19.00 a 21.00 horas).
- Como utilizar as redes sociais para a túa empresa e comezar a vender (13 de xuño, de 19.00 a 21.00 horas).
- Como mellorar a visibilidade on-line dunha páxina web e por que a maioría delas son invisibles (26 de setembro).
- Como crear a túa primeira campaña publicitaria online (3 de outubro).
Como aproveitar o posicionamento SEO Local para atopar máis clientes na túa cidade (17 de outubro). - Como crear unha imaxe de empresa efectiva: deseño e branding (24 de outubro).
- "Crea un novo produto e insíreo no mercado" (7 de novembro).
- "Como utilizar as ferramentas de Intelixencia Artificial máis coñecidas para mellorar o teu negocio" (14 de novembro).