Coruña oferta un proxecto de formación en coidados para as persoas maiores e dependentes
Cinco entidades sociosanitarias da cidade da Coruña que traballan no eido das enfermidades neurodexenerativas reuníronse a semana pasada coa concelleira responsable da Área de Benestar Social, Yoya Neira, así como con persoal técnico da concellaría e representantes das dúas empresas que desenvolven o Servizo de Atención a Domicilio (SAD) xestionado polo Concello, co obxectivo de poñer en marcha un programa de formación en coidados destinado ás traballadoras que atenden as persoas maiores e dependentes da cidade nas súas casas.
Á reunión asistiron representantes da Asociación Coruñesa de Esclerose Múltiple (ACEM), a Asociación de Dano Cerebral Adquirido (Adaceco), a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer (AFACO), a Federación Galega de Enfermidades Raras (Fegerec) e a Asociación Párkinson Galicia.
Neste sentido, as entidades deseñarán un programa específico de formación en coidados para persoas maiores e dependentes, destinado a mellorar a atención que prestan as traballadoras do Servizo municipal de Axuda a Domicilio (SAD) adscritas ás empresas Osventos e Attende Care. O dito proxecto comezará a súa andadura no derradeiro trimestre deste ano.
A concelleira puxo en valor a importancia desta iniciativa que "contribuirá a mellorar a calidade de vida das persoas maiores e dependentes da cidade, tamén a que as traballadoras que prestan servizo a domicilio desenvolvan o seu traballo con maior seguridade e eficacia".
A atención ás persoas maiores e dependentes é unha das prioridades do Goberno de Inés Rey. Neste sentido, cómpre lembrar que o Concello renovou o ano pasado o contrato do Servizo municipal de Atención a Domicilio (SAD), e destina á atención de persoas maiores e dependentes nos seus fogares un total de 10 millóns de euros por ano. Actualmente, reciben asistencia preto de 1.200 persoas usuarias.