Coruña mellora o firme da Praza de Santa Catalina e reforza a súa seguridade peonil
Este luns, a alcaldesa, Inés Rey, supervisou as melloras executadas na praza da fonte de Santa Catalina, no barrio da Pescaría, onde o Concello xa rematou os traballos para substituír as antigas tarimas de madeira por novas superficies de pedra, co obxectivo de reforzar a seguridade peonil no paso pola praza.
Rey expuxo que se levou a cabo esta intervención atendendo a unha petición da cidadanía, “xa que os listóns de madeira supoñían un risco para a seguridade das e dos transeúntes, especialmente nos días de choiva”. Neste sentido, en marzo comezou a retirada dos listóns de madeira e, xa posteriormente, a disposición de novas pezas de granito gris alba, material que vai en sintonía coa estética xeral da praza.
O material das novas pezas de granito da praza son idénticas, por exemplo, ás dispostas noutro enclave peonil do barrio da Pescaría, a rúa Compostela. A maiores, e aproveitando a actuación, o Concello tamén renovou o mobiliario urbano da praza da fonte de Santa Catalina, onde se instalaron unha ducia de novos bancos de barrotes, con respaldos de madeira.
As melloras en Santa Catalina, en paralelo aos avances en San Andrés
A intervención en Santa Catalina é unha medida complementaria que reforza o plan de melloras que o Concello está a executar na rúa San Andrés e a súa contorna, cun investimento de 3,2 millóns de euros.
Inés Rey, acompañada hoxe polo concelleiro da Área de Economía e Planificación Urbana, José Manuel Lage, e pola concelleira de Innovación, Mobilidade e Infraestruturas, Nereida Canosa, lembrou que as obras en San Andrés “seguen segundo o previsto, cumprindo os prazos e con avances visibles. Non hai moitos días atrás levouse a cabo a reapertura ao paso do tráfico rodado na rúa Sol, ata o Paseo Marítimo”.
A nova área de calistenia de José Toubes, en Catro Camiños, abrirá hoxe
Noutra orde de asuntos, Inés Rey anunciou que hoxe mesmo quedará aberta tamén a nova área de calistenia da praza Xosé Toubes, no barrio de Catro Camiños.
Este espazo, de nova creación, está localizado no sector norte da praza, nun punto que anteriormente era un espazo de lecer e descanso no que había un círculo central de céspede (o antigo areeiro) e que se recuperou agora para a práctica deportiva.
Nesta superficie xa se instalaron novos equipamentos para o exercicio ao aire libre, cos que as persoas usuarias poderán practicar actividade física usando o seu propio peso corporal. Habilitáronse circuítos de adestramento de fortalecemento muscular, con estruturas combinadas que inclúen barras de monkey-swing, un banco de abdominais inclinado e barras para o exercicio de tríceps. Tamén hai estruturas de barras paralelas, para flexións e push-ups.
A apertura da nova área de calistenia de José Toubes complementa as dotacións deportivas xa habilitadas polo Goberno de Inés Rey baixo o viaduto de Alfonso Molina, onde a mediados do ano pasado abriuse ao público unha pista de skate e outra pista multideporte no sector que está fronte á igrexa de San Pedro de Mezonzo.