Coruña estrea este luns un plan de limpeza intensiva de barrio a barrio
O Concello da Coruña pon en marcha este luns 19 un plan especial para garantir unha limpeza intensiva e en profundidade nas rúas, beirarrúas e, en xeral, nos espazos públicos da cidade.
Este plan, denominado Barrio a Barrio e impulsado polo Goberno de Inés Rey, é unha medida complementaria e adicional que se suma ao servizo habitual de limpeza viaria, e que terá continuidade no tempo, xa que o obxectivo é que o plan chegue a todos os barrios da Coruña a través dun formato rotatorio mensual.
"Comezaremos a traballar este luns nos barrios dos Rosales e Labañou, onde se intensificará a limpeza viaria das rúas con hidrolimpiadoras e baldeo de alta presión. Ademais, ampliarase o servizo de barrido mecánico", detallou a concelleira de Medio Ambiente, Noemí Díaz.
Este plantexamento será o que se leve, de forma paulatina, a todos os barrios da cidade. Tras Os Rosales e Labañou -onde os traballos durarán catro semanas consecutivas-, será o turno do barrio da Agra do Orzán e, a continuación, de barrios como o Ventorrillo e a Sagrada Familia, distritos nos que tamén se executará este plan de carácter mensual atendendo tamén ás súas necesidades específicas.
A idea, tal e como lembrou Noemí Díaz, "é que os traballos se executen ampliando o radio de acción de forma progresiva cara os barrios lindeiros, un tras de outro. É dicir, extendéndose dun barrio a outro para que haxa unha continuidade en termos xeográficos".