Coruña e ACLAD renovan o convenio de colaboración para a loita contra as adiccións
O Concello da Coruña renova un ano máis o convenio colaborativo coa Asociación Cidadá de Loita Contra a Droga (ACLAD). Neste sentido, nestá mañá de venres a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, asinou coa presidenta da asociaicón, Rosa Barreiro, o convenio nominativo polo que se renova o compromiso do Concello coa entidade.
O importe do convenio ascende a 220.000 euros para este ano 2024 e irá destinado a financiar as unidades asistencias para drogodependentes que xestiona ACLAD. "Este convenio reafirma o compromiso do Concello con ACLAD e súmase aos que mantemos con outras entidades da cidade que loitan contra as adiccións", sinalou a alcaldesa.
Pola súa banda, a representante de ACLAD, Rosa Barreiro, agradeceu "o apoio sostido no tempo do Concello e o seu compromiso na atención as persoas drogodependentes e as súas familias". O convenio co Concello permítelle á entidade manter a Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD). En funcionamento desde 1981, é a central administrativa e asistencial de ACLAD, na que se realiza a primeira toma de contacto coas persoas pacientes e as súas familias antes de poñer en marcha os programas de intervención personalizados e adaptados ás necesidades de cada individuo.
Neste ano 2024, O Concello mantén convenios nominativos por máis de tres millóns de euros con entidades que traballan pola inclusión, a loita contra as adiccións, as persoas maiores, a infancia, a discapacidade e a defensa dos dereitos e o benestar de persoas enfermas e os seus familiares.