Coruña destina uns 100.000 euros a programas de prevención contra as adiccións na mocidade

ACoruñaXa
A alcaldesa e a presidenta da da Asociación Emilia Gómez ADAFAD asinaron tres convenios para actividades en centros escolares
Imaxe de Inés Rey asinando o convenio coa presidenta da Asociación Emilia Gómez ADAFAD
5 Xuño 2024

O Concello da Coruña asinou no Palacio de María Pita coa presidenta da Asociación Emilia Gómez ADAFAD, Miriam Pérez, tres convenios destinados a sufragar o labor da entidade na loita contra as adiccións entre a mocidade, con actividades nos centros escolares. Os tres convenios, de 35.000, 25.000 e 25.000 euros, servirán para financiar o programa de prevención contra as adiccións dixitais, outro contra o consumo de drogas nos centros escolares e o terceiro destínase a gastos de mantemento da entidade.

"Unha parte da actividade de ADAFAD queda integrada no programa municipal 'Coruña Educa', co que tentamos ofrecer aos máis novos información sobre os riscos das adiccións e sobre novas situacións que estamos a afrontar a idades cada vez máis temperás", sinalou a alcaldesa da cidade. Inés Rey valorou especialmente a calidade dos equipos de expertos de Adafad, que conta con especialistas médicos, psicólogos, pedagogos e educadores.

"Grazas ao seu gran equipo humano, Adafad foi crecendo desde o seu nacemento en 1996 e abordando cuestións cada vez máis complexas, chegando a aspectos como a mediación, a loita contra o acoso escolar e o respecto á diversidade", sinalou. Pola súa banda, a presidenta de Adafad agradeceulle á alcaldesa a "estreita colaboración durante tantos anos para permitirnos llegar a máis rapaces e rapazas e as súas familias".

Neste ano 2024, O Concello mantén convenios nominativos por máis de tres millóns de euros con entidades que traballan pola inclusión, a loita contra as adiccións, os maiores, a infancia, a discapacidade e a defensa dos dereitos e o benestar de persoas enfermas e os seus familiares.

0.19399809837341