Coruña convoca unha nova edición dos premios Prismas Casa das Ciencias á Divulgación 2024
O Concello da Coruña convoca os premios Prismas Casa das Ciencias á Divulgación 2024. O certame, que alcanza en 2024 a súa trixésimo sétima convocatoria consecutiva, premiará cun Prisma de Bronce os mellores traballos en oito categorías: Vídeo, Novos medios, Artigo xornalístico, Radio, Proxectos singulares, Libro editado.
Ademais, con motivo do 25 aniversario do Aquarium Finisterrae, inclúese a nova modalidade de Proyecto de sensiblización e divulgación sobre os océanos. Deste xeito, o Goberno local prosegue coa conmemoración do cuarto de século do museo científico coruñés máis visitado.
Todas as modalidades, excepto a de Libro editado e a de Prisma especial do xurado, están dotadas cun premio de 4.000 euros. Para participar nesta XXXVII Convocatoria dos Prismas á Divulgación deben presentarse os traballos e candidaturas antes do 3 de xuño, cumprindo as condicións requiridas en cada unha das modalidades recollidas nas bases, e que se poden consultar na seguinte ligazón.
Os Prismas entregaranse no transcurso dun acto que terá lugar na Coruña o sábado 16 de novembro de 2024. O prestixio acadado por estes premios na súa longa traxectoria vén avalado pola calidade e trascendencia dos traballos premiados en todas as modalidades, así como pola participación no xurado de profesionais procedentes de diversos ámbitos da comunicación científica que achegan un criterio actualizado e diverso.