Coruña ampliará o carril bici cun novo tramo que unirá os Cantóns co Paseo Marítimo
O Concello vén de licitar as obras de construción dun novo treito de carril bici que conectará o Cantón Grande co Paseo Marítimo, á altura do Orzán. Desta forma, o Goberno de Inés Rey dálle continuidade ao seu plan de fomento da mobilidade sostible nos barrios da Coruña.
Con esta intervención, o Goberno de Inés Rey dálle resposta a unha solicitude da cidadanía que foi valorada positivamente polos servizos municipais nos Orzamentos Participativos, ao posibilitar a unión de dous dos principais eixes ciclables da cidade a través do barrio da Pescaría, ampliando a rede ciclista xa existente.
Neste sentido, o Concello ten previsto vertebrar este novo percorrido ao longo da rúa Nova e a rúa Alta, partindo desde o carril bici xa existente preto do Obelisco, que chegará ata o carril segregado que discorre polo Paseo Marítimo na contorna do Orzán cruzando as rúas de San Andrés e Socorro.
A concelleira de Innovación, Mobilidade e Infraestruturas, Nereida Canosa, destacou que a creación deste novo percorrido supón, en certa forma, un fito en termos de mobilidade sostible para as rúas do interior da cidade, xa que "será o primeiro treito de carril bici que atravesa de lado a lado o istmo do barrio da Pescaría", o que permitirá chegar desde as proximidades do peirao de Transatlánticos e Méndez Núñez ata a enseada do Orzán en apenas uns minutos.
O Concello levará a cabo un investimento de máis de 104.000 euros nesta actuación, que terá un prazo de execución de catro meses desde que se adxudiquen os traballos.
Peonalización do treito da rúa Alta entre San Andrés e Cordelería
O novo carril bici entre os Cantóns e o Paseo Marítimo será bidireccional, con anchos de entre 1,90 e 2,5 metros en función do sector.
O percorrido ciclista pola rúa Nova, ata o cruzamento con San Andrés, estará delimitado sobre o propio pavimento de adoquín, coa correspondente sinalización horizontal.
A medida máis destacada no contexto desta intervención será a que se levará a cabo no segundo sector, coa peonalización do treito da rúa Alta entre San Andrés e Cordelería. Neste treito, o carril bici substituirá o espazo destinado actualmente ao paso do tráfico rodado, o que tamén permitirá ampliar as beirarrúas de ambos os lados, gañando así espazos peonís e mellorando a accesibilidade universal da rúa. O percorrido ciclista deste segundo sector visibilizarase sobre o formigón co pintado do pavimento en cor vermella.
Xa no terceiro sector, o correspondente ao treito da rúa Alta entre Cordelería e o cruzamento da avenida Pedro Barrié de la Maza e a rúa Socorro, o percorrido ciclista cobrará forma como un carril segregado -tamén pintado en cor vermella sobre o asfalto-, lindeiro ao carril destinado ao paso do tráfico rodado que acceda desde a rúa Cordelería en dirección ao Paseo Marítimo.
A conexión co carril bici do Paseo Marítimo discorrerá parcialmente sobre a beirarrúa que marca a bifurcación entre Pedro Barrié de la Maza e a rúa Socorro. Ao igual que no primeiro treito, o da rúa Nova, neste punto delimitarase o percorrido ciclista coa correspondente sinalización horizontal na beirarrúa. Ademais, crearase un paso ciclista específico, lindeiro ao paso peonil do Paseo Marítimo, pintado en cor vermella, que xa confluirá no propio carril bici do Paseo.
A reordenación do tráfico na contorna
A peonalización da rúa Alta entre San Andrés e Cordelería aparellará, ademais, cambios de circulación nas rúas lindeiras, co obxectivo de facilitar a mobilidade xeral tras a inclusión do carril bici da Pescaría.
Por iso, o Concello ten previsto peonalizar a rúa do Orzán entre a rúa Alta e o seu cruzamento con Cordelería, habilitando unicamente o paso dos vehículos para o seu acceso aos garaxes alí localizados.
Ademais, a rúa Cordelería, no seu treito entre a rúa Alta e a rúa do Orzán, cambiará de sentido coa finalidade de manter a conexión da rúa do Orzán co Paseo Marítimo.