Cortiñán estrea unha nova ordenación do tráfico tras a reforma da estrada provincial DP-0105

ACoruñaXa
A Deputación da Coruña investiu preto de 214.000 euros nunha actuación que ampliou as beirarrúas, renovou o firme e mellorou a seguridade para peóns e condutores
fin-obras-cortiñan
23 Jul 2026

A Deputación da Coruña rematou as obras de mellora da estrada provincial DP-0105 ao seu paso polo núcleo de Cortiñán, no Concello de Bergondo, unha actuación que permitiu reorganizar a circulación, ampliar o espazo para os peóns e reforzar a seguridade viaria.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, supervisaron este xoves o resultado dos traballos, que contaron cun investimento provincial de 213.972,24 euros.

A intervención centrouse nos primeiros 260 metros da vía, un tramo considerado especialmente sensible pola proximidade das vivendas á calzada e pola reducida anchura das beirarrúas existentes. O obxectivo da actuación foi mellorar a convivencia entre o tráfico rodado e a actividade residencial da zona.

Un dos principais cambios introducidos é a implantación dun único sentido de circulación no tramo reformado, desviando a maior parte dos vehículos cara ao ramal que conecta coa estrada nacional N-VI. Esta modificación permitiu ampliar de maneira significativa as beirarrúas e mellorar as condicións de accesibilidade e seguridade para as persoas peóns.

As obras incluíron tamén a renovación do pavimento, coa retirada das zonas deterioradas e a colocación dunha nova capa de aglomerado, ademais da instalación de nova sinalización e a plantación de árbores para mellorar tanto a funcionalidade como a imaxe urbana da contorna.

Durante a visita, Valentín González Formoso destacou que “con esta obra facemos máis seguro e cómodo para os veciños un tramo no que as vivendas conviven directamente cunha estrada provincial con bastante tráfico”.

O presidente da Deputación engadiu que “a prioridade da Deputación é sempre mellorar a seguridade na rede de estradas provinciais, pero neste caso crease tamén un espazo máis cómodo para camiñar e vivir”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Bergondo valorou o resultado da actuación e puxo o foco na ampliación das beirarrúas e na nova organización da circulación como elementos para mellorar a seguridade e a calidade de vida da veciñanza de Cortiñán. Ademais, manifestou o seu desexo de que “se lle poida dar continuidade ao itinerario peonil tamén no túnel da ponte do tren, en forma de beirarrúas ou dalgún tipo de paso seguro”.

A nova regulación do tráfico permitirá tamén reducir o paso de vehículos polo núcleo residencial e favorecer unha circulación máis tranquila, especialmente no caso do tráfico pesado, unha das demandas trasladadas pola veciñanza e polo Concello durante a planificación da obra.

0.12569999694824