Cortes nocturnos na AP-9 do 9 ao 12 de decembro por obras en Alfonso Molina na Coruña

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible realizará cortes nocturnos na autopista AP-9 en sentido entrada á cidade, entre as 23:00 e as 05:30 horas, durante as noites do 9, 10, 11 e 12 de decembro. Esta medida é necesaria para executar as obras de remodelación da Avenida Alfonso Molina, cuxo orzamento global é de 18,3 millóns de euros.
Os traballos consistirán na instalación dunha camisa de aceiro mediante hinca baixo a calzada, no quilómetro 2,8 da AP-9, para permitir o paso dunha futura tubaxe de abastecemento. O tráfico será desviado polo ramal da Ponte Pasaxe/Palavea e a AC-12 (Avenida do Pasaxe), anulándose tamén o cambio de sentido na AC-11, fronte ao edificio de Coca-Cola.
A sinalización necesaria para os desvíos será reforzada mediante paneis de mensaxe variable nos puntos máis próximos, garantindo unha correcta información para os condutores. O Ministerio coordina estas actuacións co Concello da Coruña, a DGT, o Centro de Xestión de Tráfico Noroeste-Cantábrico e Audasa.