Convócase o XIX Premio de Narración Curta do Concello de Curtis

ACoruñaXa
O primeiro premio do certame promovido polo Concello será de 700 euros
Imaxe do cartel do certame literario de Curtis
5 Xul 2024

O Concello de Curtis abriu a convocatoria para o XIX Premio de Narración Curta, que neste ano terá como temática 'A festa'. O certame está dirixido a persoas de calquera procedencia, agás os premios locais, que están reservados para participantes vinculados co Concello de Curtis por nacemento, residencia, estudo ou relación laboral.

Os traballos deberán ser redactados en lingua galega, ser orixinais, inéditos e non premiados en ningún outro certame. A extensión dos textos deberá estar entre 3.000 e 5.000 caracteres, incluíndo espazos, e deberán enviarse en formato Word ao correo electrónico relatoscurtis@gmail.com, acompañados dunha copia escaneada do DNI, enderezo e teléfono de contacto, indicando a categoría na que se participa.

A data límite para a entrega das obras é o 15 de novembro de 2024. Establécense dúas categorías: de 12 a 17 anos (Categoría A) e a partir de 18 anos (Categoría B). En cada categoría, haberá tres premios en metálico. Na Categoría A, o 1º premio é de 400 euros, o 2º de 200 euros e hai un premio local de 400 euros. Na Categoría B, o 1º premio é de 700 euros, o 2º de 300 euros e hai un premio local de 700 euros.

Os traballos que non cumpran as bases serán descartados, e os premios estarán suxeitos ás retencións fiscais aplicables. O xurado, composto por membros de recoñecido prestixio no ámbito da cultura, poderá decidir outorgar un premio compartido en calquera das categorías. Os traballos premiados pasarán a ser propiedade do Concello de Curtis, que poderá publicalos sen afán de lucro.

As persoas premiadas serán convidadas ao acto de entrega dos premios, que terá lugar no mes de decembro, e a súa presenza ou a dunha persoa autorizada é agardada. A presentación das obras implica a aceptación incondicional destas bases.

cartel-curtis-2024-WEB
0.16707801818848