Convocada IV edición do Premio de Boas Prácticas en Servizos Sociais da Deputación da Coruña

ACoruñaXa
Este ano o organismo provincial destinará 42.000 euros en premios para recoñecer ás entidades que traballan no eido social
premio-boas-practicas-coruña
Presentación da IV edición do Premio de Boas Prácticas en Servizos Sociais da Deputación da Coruña
24 Jan 2025

A Deputación da Coruña convoca a IV edición do Premio de Boas Prácticas en Servizos Sociais, un galardón co que pretende recoñecer ás entidades que traballan no eido social e na protección dos colectivos máis vulnerables na provincia.

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe a convocatoria desta nova edición do certame, que premiará o traballo realizado por entidades sen ánimo de lucro da provincia da Coruña, e das persoas que están detrás delas, a prol do benestar social das persoas con máis dificultades.

As bases establecen que as entidades que presenten os seus proxectos deberán desenvolver a súa actividade nalgunha destas áreas: familia, infancia e mocidade; persoas con diversidade funcional, persoas maiores, minorías étnicas e inmigración, drogodependencias e outros trastornos aditivos ou situación ou risco de exclusión social.

“Queremos que estes premios sexan un recoñecemento a todas aquelas entidades e persoas que cada día contribúen a mellorar a vida das persoas máis desfavorecidas, que traballan para construír unha sociedade mellor”, afirmou o presidente provincial, Valentín González Formoso.

42.000 euros en premios 

A deputada de Política Social, Mar García Vidal, destacou que nesta edición a Deputación outorgará seis premios de 7.000 euros cada un: á investigación no ámbito dos servizos sociais, ás iniciativas sociais desde o ámbito rural, atención a maiores, discapacidade e dependencia, mellor iniciativa no ámbito de familia, infancia e adolescencia, mellor iniciativa no ámbito da inclusión social e premio á traxectoria.

“Desde a Deputación apoiamos o traballo de preto de 300 entidades sociais cada ano, financiamos 411.000 horas de servizo de axuda no fogar,contratamos a 180 profesionais dos servizos sociais nos concellos e atendemos a máis de 2.800 persoas maiores co noso servizo de Teleasistencia. Son cifras que amosan que o eido social é un dos eixos fundamentais da acción desta institución”, afirmou a deputada.

Na última edición deste certame, as entidades premiadas foron Agalure, Afaco, Érguete e a Fundación Mujeres.

O prazo para presentarse a estes galardóns remata ás 14.00 horas do 20 de febreiro de 2025. As solicitudes deben presentarse a través da plataforma telemática SUBTEL da Deputación.

0.17948198318481