Convocada a cuarta mobilización contra a supresión do baipás de Infesta en Bergondo

ACoruñaXa
A protesta será o sábado 24 de xaneiro, ás 12.00 horas, na DP-0105 ao carón do Hotel Luso, baixo o lema ‘Por unha alternativa xusta. Cortiñán non se mutila’
BERGONDO manifa cortiñan
19 Jan 2026

O Concello de Bergondo volve chamar á veciñanza a mobilizarse contra o proxecto do Ministerio de Transportes para o ‘ramal de conexión entre as liñas de ancho ibérico León (A Coruña) e Betanzos-Infesta (Ferrol)’, unha actuación que, segundo o goberno local, implica a supresión do baipás de Infesta e supón unha afección relevante na parroquia de Cortiñán. A convocatoria chega despois das concentracións realizadas en outubro, novembro e decembro.

A cuarta manifestación está prevista para o sábado 24 de xaneiro, ás 12.00 horas, na estrada provincial DP-0105, ao carón do Hotel Luso. Como nas anteriores citas, a marcha celebrarase baixo o lema ‘Por unha alternativa xusta. Cortiñán non se mutila’.

O fondo do conflito está na discrepancia entre o trazado elixido polo Ministerio (a chamada Alternativa 6) e a proposta municipal, coñecida como Alternativa 5S. O Concello xa presentou recurso despois de que Transportes rexeitase incorporar a súa opción ao concluír que ‘a alternativa 5s proposta non resulta viable tecnicamente’. Na súa resposta ás alegacións, o Ministerio defendeu que a solución inicial cumpre a normativa e conta con avaliación ambiental aprobada, ademais de non afectar ‘directamente’ a vivendas ou instalacións, unha interpretación que Bergondo cuestiona.

Desde o goberno local insisten en que non se opoñen a mellorar as comunicacións ferroviarias, pero reclaman un deseño que reduza expropiacións e limitacións urbanísticas e que afaste o corredor das zonas residenciais. A alcaldesa, Alejandra Pérez Máquez, chegou a resumir a posición municipal en que a alternativa do Concello sería ‘máis sensata’ e permitiría evitar deixar vivendas dentro da zona de servidume ferroviaria, unha preocupación que tamén trasladou a veciñanza nas últimas concentracións.

⚙ Configurar cookies
0.078175067901611