Conta atrás para unha andaina polo 'Olimpo Ártabro' en defensa da auga

O Monte Xalo volverá ser este domingo, 10 de maio, punto de encontro para a defensa do territorio, da paisaxe e da auga. ADEGA, en colaboración coa Asociación de Montes Veciñais da Parroquia de Celas e o colectivo As Pedras Galladas, organiza unha andaina reivindicativa aberta á veciñanza para dar a coñecer os valores naturais, sociais e culturais deste espazo coñecido como o 'Olimpo Ártabro'.
A convocatoria chega marcada pola preocupación arredor do proxecto dunha central hidroeléctrica reversible en Meirama. Os colectivos organizadores advirten de que esta actuación podería implicar o movemento de grandes volumes de auga cara ao sistema fluvial conectado co encoro de Abegondo-Cecebre, principal fonte de abastecemento da Coruña e da súa área metropolitana.
A ruta sairá ás 11.00 horas da Pedra Mazafacha e terá unha dificultade baixa, cun percorrido duns 11 quilómetros e unha duración aproximada de catro horas. Ao longo da andaina, as persoas participantes poderán coñecer sobre o terreo os espazos que poderían verse afectados e tamén a riqueza ecolóxica, paisaxística e patrimonial do Xalo.
A xornada continuará ás 15.00 horas cun xantar de convivencia na Torre de Celas. Xa pola tarde, ás 17.00 horas, celebrarase na reitoral de Celas a charla 'Central hidroeléctrica en Meirama: ameaza para o Xalo', na que colectivos veciñais e representantes dos montes veciñais en man común explicarán os detalles do proxecto e os seus posibles efectos sobre a auga, o territorio e as comunidades locais.
A organización habilita ademais un autobús desde Lugo para facilitar a participación, o que permitirá que a convocatoria teña tamén alcance fóra da área coruñesa. As persoas interesadas poden solicitar máis información e formalizar a inscrición a través de ADEGA no correo adegacorunha@adega.gal ou no teléfono 638 47 53 22.