Conta atrás na Coruña para o Encontro Mundial de Humorismo, que comezará en 10 días

ACoruñaXa
Aínda é posible adquirir os últimos billetes para os espectáculos 'Celebreixon', 'Go Home', 'Tengo cosas para hacer' e 'La nueva normalidad'
Imaxe dunha edición anterior do Encontro Mundial de Humorismo
16 Apr 2024

A dez días do inicio da súa cuarta edición, o Encontro Mundial de Humorismo segue a bater récords. O EMHU leva despachadas máis de 20.000 entradas e convites para os seus espectáculos e actividades, que terán lugar entre o 25 de abril e o 5 de maio na Coruña.

Deste xeito, numerosos shows xa penduraron hai semanas o cartel de ‘sold out’, como é o caso de 'La capital del pecado 2.0' e 'Fantastic Colofon'. Ademais das propostas que contarán con dobre función, como son 'Mentes peligrosas', 'Esto no es un show', 'La ruina' e 'Humoris Causa'. Alén dos espectáculos, as actividades gratuítas que requiren retirada de convite previo, como é 'Lo que me han enseñado los mayores' ou 'El sentido de la birra', tamén despertaron interese entre o público, que esgotou todas as invitacións dispoñibles.

Porén, todas as persoas que aínda non teñan abono ou entradas para o EMHU, teñen opción de mercar algunhas das últimas entradas dispoñibles para propostas como 'Celebreixon' (con Roberto Vilar, 28 de abril), 'Go Home' (con David Amor e Josito Porto, 1 de maio), 'Tengo cosas para hacer' (con Dalia Gutmann, 3 de maio) ou 'La nueva normalidad' (con Álex Clavero, 3 de maio).

Alén destes espectáculos, o EMHU conta cunha ampla programación de actividades paralelas gratuítas, de xeito que todos os públicos poidan acceder ao grande evento do humor do país. É o caso da gravación do podcast 'El Nicho' (con David Perdomo e Xosé A. Touriñán), do espectáculo de improvisación 'Match de Impro' (co alumnado da Escuela de Impro Coruña), dos parladoiros 'Coidado coas bromas: os perigos da comedia' e 'O negocio do humor', que terán lugar na Sede de Afundación; ou da presentación do libro 'Pérdidas de risa', no que Sílvia Abril conversará co público nun diálogo moderado polo director artístico do EMHU, Luis Piedrahita.

O EMHU colabora con Cultura por Alimentos

Ademais, o Encontro Mundial de Humorismo colabora na súa cuarta edición co programa Cultura por Alimentos, impulsado por Afundación, Obra social ABANCA. A intención desta campaña é que o público que asista ás actividades paralelas gratuítas do EMHU que teñan lugar na Sede de Afundació poida participar desta acción solidaria facendo unha doazón de alimentos non perecedoiros.

A campaña Cultura por Alimentos consiste en cambiar simbolicamente a entrada -de balde- pola doazón de produtos que, grazas á colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos, Afundación entregará á entidade local Banco de Alimentos Rías Altas para a súa posterior distribución. Desde o Encontro Mundial de Humorismo convídase a todas as persoas asistentes ás actividades da programación paralela a que fagan a súa achega (troquen o seu acceso libre e gratuíto por unha doazón de alimentos non perecedoiros) e así poder construír un EMHU diferente.

0.14786410331726