Constitúese a Comisión político-técnica para a xestión do plató virtual Coruña Estudo Inmersivo

ACoruñaXa
Está integrada por representantes políticos e técnicos dos distintos servizos da Deputación que participan no proxecto e do Clúster audiovisual galego, que agrupa as principais empresas do sector en Galicia
Imaxe da reunión mantida esta mañá na Deputación da Coruña
Imaxe da reunión mantida esta mañá na Deputación da Coruña
15 Maio 2024

A Deputación da Coruña, co obxectivo de situar a Galicia no futuro da industria audiovisual e sendo consciente da fortaleza do talento creativo das empresas do sector, constitúe a Comisión político-técnica que supervisará a execución e posterior modelo de xestión do plató virtual Coruña Estudo Inmersivo (CEI).

Formoso subliña “a complexidade deste proxecto debido ao seu importe económico, cunha previsión inicial dun investimento de 8 millóns de euros que pode aumentar; pola participación de distintas administracións e pola súa especificidade, pois só hai un plató coas mesmas características en toda Europa”.

Durante a súa intervención destacou a “importancia de dar luz e transparencia a todos os pasos que se van dando neste proxecto, por iso se constituíu esta comisión político-técnica que aglutina a todos os axentes implicados: a parte técnica da Deputación, o Clúster audiovisual galego e os diferentes grupos políticos”.

A devandita comisión está integrada por representantes políticos e técnicos dos distintos servizos da Deputación que participan no proxecto e do Clúster audiovisual galego, que agrupa as principais empresas do sector en Galicia.

A posta en marcha dunha comisión destas características supón un fito significativo para facer realidade a colaboración público-privada deste proxecto, establecendo un espazo común de toma de decisións que combine a axilidade e a visión comercial do sector privado xunto coa formulación estratéxica de políticas públicas que resultan tractoras para crear emprego, fixar poboación e dinamizar o territorio.

O proxecto céntrase na creación dun plató que permitirá xerar contidos de realidade virtual para o eido cinematográfico, televisivo, publicitario e de videoxogos, ao mesmo tempo que serán de aplicación en sectores como a educación ou o turismo.

A comisión político-técnica xogará un papel fundamental para acordar o modelo de gobernanza que se aplicará á xestión do plató virtual tendo en conta a viabilidade económica e financeira do proxecto.

En concreto, o programa de traballo previsto contempla a análise dos posibles modelos de xestión, o deseño do regulamento de servizo ou o estudo da viabilidade económico-financeira do centro, ata chegar a formular unha proposta definitiva sobre os mesmos. O prazo estimado para a realización dos citados traballos, que teñen previsto o seu inicio no mes de outubro, fixouse entre dous e tres meses.

A comisión conta coa colaboración de diferentes entidades favorecendo así a creación de alianzas que permitan o desenvolvemento de proxectos de vangarda que fagan de Galicia un referente no panorama internacional da creación audiovisual.

Esta primeira reunión da Comisión político-técnica presidida polo presidente da Deputación da Coruña contou con representantes de todos os grupos políticos provinciais, o grupo Provincial do Partido Popular, Grupo Provincial do Partido Socialista, Grupo Provincial do Bloque Nacionalista Galego, Grupo Provincial de Alternativa dos Veciños.

Tamén contou con representante do Clúster Audiovisual Galego, e de persoal dos servicios de Intervención, Secretaria Xeral, Servizo de Patrimonio e Contratación, Servizo de Arquitectura e Mantemento, do Servizo de Desenvolvemento Territorial e Transición Ecolóxica.

Referente do ecosistema dixital do sector audiovisual de Galicia

O persoal técnico da Deputación da Coruña expuxo a evolución das obras do plató virtual localizado na Cidade das TIC que, cunha superficie en planta de máis de 2.000 m2, suporá a construción do maior estudo virtual de España.

A súa construción e posta en marcha é posible grazas a un investimento de case 8 millóns de euros, dos que 5 millóns están financiados a través dos fondos do Plan de Recuperación do Goberno de España e arredor de 3 millóns con fondos propios da Deputación da Coruña.

O liderado deste proxecto por parte do organismo provincial supón un fito estratéxico na axenda política da Deputación da Coruña, representando unha aposta firme, dimensionada e irrenunciable para consolidar non só a provincia senón á comunidade como un polo de desenvolvemento e atracción do sector audiovisual competitivo a nivel internacional.

 

0.17024612426758