Constitúese a comisión municipal de seguimento da candidatura da Coruña ao Mundial 2030

O Palacio Municipal de María Pita acolleu o acto de constitución da Comisión especial de seguimento da candidatura da Coruña como sede do Mundial 2030.
A sesión estivo presidida polo voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, e contou coa presenza do concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, ademais dos representantes dos grupos municipais con presenza na comisión: o BNG, con David Soto, e o PP, con Miguel Lorenzo.
Un dos acordos adoptados foi poñer á disposición dos grupos todos os expedientes municipais vinculados á candidatura da Coruña para acoller o Mundial, co obxectivo de facilitar o seguimento e a consulta da documentación relacionada co proxecto.
A comisión aprobou tamén celebrar unha nova reunión antes de que remate o mes de febreiro. Nese encontro abordarase o estado actual da candidatura e avaliaranse as xestións realizadas polos concelleiros de Cultura e Deportes diante dos distintos organismos implicados no proceso.