Conferencia en Portas Ártabras: 'Ética e Estética de Castelao' con Siro López, o xoves 2 de outubro ás 20.00

A sala Portas Ártabras acollerá este xoves 2 de outubro, ás 20.00 horas, a conferencia “Ética e Estética na vida e na obra de Castelao”, impartida por Siro López, humorista gráfico, caricaturista e ensaísta, recoñecido especialista no autor de Rianxo (1886–1950).
Siro afondará na coherencia ética e estética de Castelao: un creador que, entre ismos e rupturas co historicismo romántico, encarna o Modernismo europeo sen perder a mirada propia, humanista e crítica co materialismo. A charla repasará a súa traxectoria como filósofo, político, debuxante e pintor, e a súa condición de nacionalista galego atento ao debate cultural do seu tempo.
Desde o pensamento de Sempre en Galiza emerxe a idea dunha Galiza ceibe, digna e orgullosa do seu idioma, cultura e historia, capaz mesmo de revisar os mitos do pasado. A intervención analizará tamén a mensaxe ética que percorre a súa estética: a denuncia da guerra, a empatía cos pobos negados e a ollada solidaria sobre a emigración, como amosan as súas referencias á “emigración negra” en New York.
Para alén das formas, a obra de Castelao pensa o pasado, o presente e o futuro dunha Galiza entendida como “célula de universalidade”. A organización lembra que a entrada é libre ata completar aforamento.