Coñece o programa do Nadal de Paderne

Xa se recende a Nadal en Paderne. O Concello organizou un completo programa para todas as idades que inclúe unha felicitación comunitaria, festa nas escolas con Papá Noel, tres concertos, un concurso infantil e unha cabalgata de Reis que se consolida como adiantada no municipio.
A veciñanza poderá desfrutar desde esta noite das luces de Nadal, tras rematar a súa instalación. O sábado 14, o Telleiro será o punto de partida da inauguración oficial cunha Felicitación de Nadal pensada como festa familiar. Todos os veciños e veciñas están convidados a participar neste brinde con música en directo.
O programa tamén presta especial atención aos máis cativos. O mércores 18, a Casa do Concello acollerá a Festa de Nadal das Escolas Unitarias, onde Papá Noel recollerá as cartas dos nenos e nenas.
O venres 20, ás 11:30 horas, a Escola de Areas será o escenario do concerto de Xoán Curiel para o alumnado das escolas de Areas e Viñas, xunto coas súas familias. Pola noite, ás 20:00 horas, a Igrexa de San Julián de Vigo acollerá o espectáculo EmerXencias, un recital de cantigas medievais e panxoliñas a cargo de Xoán Curiel.
Tras o Nadal, o venres 27, a Igrexa de Santa María de Souto será a sede do tradicional Concerto de Fin de Ano, coa actuación de The Duellist, que ofrecerá música clásica de violín e guitarra desde as 20:00 horas.
En xaneiro, chegará o momento dos Reis Magos. O sábado 4 de xaneiro, ás 17:30 horas, a cabalgata partirá da Casa Consistorial nun percorrido que rematará no Telleiro. Na carpa, os nenos poderán falar cos Reis Magos, desfrutar de obradoiros, inchables e animación, ademais da entrega de premios do concurso de Nadal, cuxo prazo para participar remata o mércores 18.
Conciliación gratuíta
O Concello ofrecerá de novo o servizo gratuíto de conciliación laboral mediante as Aulas de Conciliación e os Campamentos de Nadal. Dirixido a rapaces de 4 a 14 anos, o programa desenvolverase do 23 de decembro ao 3 de xaneiro, con saída sorpresa incluída.