Coñece a programación de Nadal en Oleiros: obradoiros, música e diversión

ACoruñaXa
A Praza Esther Pita ofrecerá actividades gratuítas entre o 23 e o 28 de decembro
Nadal Oleiros
23 Dec 2024

O Concello de Oleiros presenta unha ampla programación de Nadal dirixida a todos os públicos, con actividades gratuítas na Praza Esther Pita (Santa Cruz). Animación infantil, obradoiros artísticos e un concerto especial serán os protagonistas das vacacións de decembro.

Entre os días 23 e 28 de decembro, os asistentes poderán participar en obradoiros de manualidades para crear adornos, árbores e postais de Nadal, ademais de disfrutar de xogos, música e espectáculos pensados para grandes e pequenos. As actividades desenvolveranse no seguinte horario:

  • Luns 23 de decembro (17:00-20:00): Obradoiros artísticos de Nadal, con elaboración de adornos, árbores e postais.
  • Xoves 26 de decembro (17:30-19:30): Animación infantil, xogos e música.
  • Venres 27 de decembro (17:30-19:30): Obradoiros artísticos para crear casiñas de Nadal.
  • Sábado 28 de decembro (19:00): Concerto "Ves como sabes?", un espectáculo de música popular e pop-rock para todos os públicos, incluído na Rede da RDL da Xunta de Galicia.

Estas actividades forman parte dunha programación máis ampla que inclúe a tradicional pista de xeo instalada na Avenida da II República (Perillo) e atraccións infantís na mesma Praza Esther Pita. Con estas iniciativas, o Concello busca ofrecer alternativas de ocio accesibles e de calidade durante o Nadal.

0.16604900360107