Comisións Obreiras alerta do colapso postal na provincia da Coruña por recortes en Correos

ACoruñaXa
A falta de persoal e a sobrecarga laboral obrigan á convocatoria dunha folga que afectará a miles de veciños durante o Nadal
Buzón Correos
24 Dec 2024

A CCOO denunciou o "esaxerado axuste de persoal" en Correos na provincia da Coruña, unha situación que, segundo o sindicato, está a provocar graves problemas no servizo postal e que afecta negativamente ás condicións laborais dos traballadores. A falta de contratación e a non cobertura de vacantes están a deteriorar o servizo público postal, deixando barrios enteiros sen atención adecuada.

Na Unidade de repartición 3 da Coruña, os traballadores afirman estar ao límite. "Levan asumindo cinco vacantes sen cubrir nos últimos dous anos, ás que se engaden sete baixas máis debido á sobrecarga extrema", indican desde o sindicato. Actualmente, a unidade opera con menos da metade do persoal necesario, unha situación que levou á convocatoria dunha folga dende o 23 de decembro ata o 3 de xaneiro, afectando barrios como As Roseiras, Ventorrillo, Agra do Orzán ou Labañou.

CCOO leva máis dun ano esixindo a reorganización do servizo, reclamando máis persoal e recursos, pero a empresa continúa sen dar resposta, argumentando que "non está autorizada a contratar". Mentres tanto, a cidadanía enfróntase á falta dun dereito esencial, especialmente crítico durante a campaña de Nadal.

0.1629478931427