Comisan máis de 20 quilos de percebe nun operativo contra o furtivismo na Coruña

Un operativo contra o furtivismo desenvolvido na Coruña saldouse co comiso de 20,15 quilos de percebe extraído de maneira ilegal. A actuación foi levada a cabo por axentes do Equipo de Resposta Policial da Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia e efectivos do servizo de Gardacostas de Galicia, coa colaboración da Confraría de Pescadores da Coruña.
No marco do dispositivo, realizado entre o 13 e o 15 de maio, os axentes identificaron sete persoas e dous vehículos, ademais de tramitar sete denuncias por infraccións á Lei de Pesca de Galicia. Durante a intervención tamén se incautou diverso material empregado para a actividade furtiva.
O percebe comisado foi doado polo Servizo de Gardacostas de Galicia a un centro benéfico da cidade da Coruña, unha vez retirado da circulación ilegal.
A actuación forma parte do reforzo dos controis contra o furtivismo impulsados pola Unidade de Policía Nacional Adscrita, en coordinación coa Consellería do Mar e coas confrarías de pescadores. Estes dispositivos buscan impedir tanto a extracción ilegal de recursos mariños como a súa posterior venda, transporte ou distribución sen as garantías sanitarias correspondentes.