Comezan as xornadas culturais que afondan no legado dos 900 anos do mosteiro de San Salvador de Bergondo

ACoruñaXa
O programa reúne expertos en historia e arquitectura ata este domingo 25 de outubro, con conferencias, unha visita guiada, música e un debate sobre o futuro do patrimonio
BEGONDO xornadas culturais
24 Oct 2026

O Centro Sociocultural A Senra acolle desde este venres as Xornadas Culturais 2026, unha iniciativa incluída na programación do 900 aniversario do Mosteiro de San Salvador de Bergondo. O encontro reúne especialistas en historia, arte e arquitectura para afondar no valor patrimonial do conxunto monástico e reflexionar sobre o seu futuro.

A alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, e o párroco do mosteiro, Rubén Aramburu, inauguraron o venres 23 de outubro o calendario de actividades. A primeira conferencia correu a cargo de Carlos Gutiérrez Curatango, prior do Mosteiro de Sobrado, que ofreceu a charla 'A vivencia monástica hoxe', centrada na realidade actual da vida nos mosteiros.

Conferencias, música e unha visita ao mosteiro

A programación deste sábado 24 de outubro comeza pola mañá no Centro Sociocultural A Senra. Ás 10.00 horas, a licenciada en Xeografía e Historia Ana Filgueiras Rei abordou 'O legado invisible do mosteiro de San Salvador de Bergondo'. Ás 11.45 horas, Alfredo Erias, doutor en Historia da Arte e presidente da Fundación L. Monteagudo, ofreceu a ponencia 'Unha ollada á igrexa e mosteiro de Bergondo'.

A sesión matinal remata coa presentación oficial da canción 'Aló en Bergondo'. Pola tarde, as actividades trasládanse ao recinto monástico, onde ás 16.00 horas Estefanía López Salas, doutora arquitecta e profesora titular da Universidade da Coruña, impartirá a conferencia 'Trala pegada duns lugares monásticos: San Salvador de Bergondo'.

Ás 17.30 horas está prevista unha visita guiada polas instalacións históricas. A xornada pecharase ás 19.00 horas co Concerto de Outono, organizado pola Coral Costumes.

Unha reflexión sobre o futuro do patrimonio

As Xornadas Culturais concluirán este domingo 25 de outubro no Centro Sociocultural A Senra cunha mesa redonda titulada '900 anos... e agora que?', prevista para as 11.30 horas.

No debate participarán o xornalista Cristóbal Ramírez; a arqueóloga e doutora en Xeografía e Historia Matilde González Méndez; e Marta Vidal Zapatero, diplomada en Turismo e guía oficial no Pazo de Meirás e no Mosteiro de Bergondo.

O encontro busca abrir unha reflexión sobre os próximos pasos para conservar e divulgar o patrimonio do mosteiro, nove séculos despois da súa fundación.

0.1508309841156