Comezan as obras para cubrir o parque infantil de San Roque en Trabada
ACoruñaXa
O proxecto, cun investimento de máis de 51.000 euros, dotará o parque dunha cuberta téxtil para facilitar o seu uso en todo tipo de condicións meteorolóxicas
20 Sep 2024
O Concello de Trabada iniciou as obras para a cubrición do parque infantil da rúa de San Roque, co obxectivo de mellorar o uso deste espazo público en diferentes condicións meteorolóxicas.
O proxecto, cun orzamento total de 51.203,14 euros, conta cunha subvención de 35.842,20 euros, mentres que o propio Concello aporta 15.360,94 euros. A nova cuberta será de material téxtil, o que permitirá protexer o parque tanto nos días de chuvia como nos de forte calor.
Rubén García, alcalde de Trabada, destacou a importancia desta obra para ofrecer ás familias un espazo de lecer adecuado en calquera época do ano. Esta intervención forma parte dun plan máis amplo de mellora das infraestruturas infantís no municipio.