Comezan as obras do paso peonil elevado que unirá as rúas Campo de Artillaría e Alcalde Folla Yordi
Este mércores 13 de marzo comezouse coas obras de construción dun novo paso peonil elevado que permitirá mellorar a mobilidade no cruzamento entre as rúas Campo de Artillaría e Alcalde Folla Yordi, no barrio de Monte Alto.
As obras, promovidas polo Concello da Coruña, teñen o obxectivo de adecuar os percorridos peonís nas rúas lindeiras á praza do Campo de Artillaría, lévanse a cabo baixo a premisa de reforzar a seguridade das e dos peóns, contribuíndo a pacificar o tráfico na contorna.
O plan do proxecto, que arrancou esta mañá de mércores coa instalación dos valados que acoutan a área de intervención, contempla un prazo de execución de tres semanas, período no que os operarios acometerán a elevación dun paso peonil en raso xa existente. Desta forma, tamén se facilitará o tránsito das persoas con mobilidade reducida entre as beirarrúas do cruzamento entre Campo de Artillaría e Alcalde Folla Yordi, dado que o novo paso peonil elevado conectará ambas as dúas e os accesos quedarán á mesma altura, evitando así un obstáculo, por exemplo, ás persoas en cadeira de rodas.
Coa posta en marcha desta actuación, o Concello da resposta a unha solicitude da veciñanza do barrio e, máis en concreto, das persoas residentes na contorna da praza do Campo de Artillaría e a travesía da Torre.
“Actuacións como esta, moi necesarias para mellorar o día a día da cidadanía en termos de mobilidade, complementan o plan de revitalización dos barrios que está a impulsar o Goberno de Inés Rey. A creación deste novo paso peonil preto do Campo de Artillaría forma parte do noso proceso de escoita e atención ás veciñas e veciños, unha iniciativa que, pouco a pouco, vai dando os seus froitos”, destacou hoxe a concelleira de Innovación, Mobilidade e Infraestruturas, Nereida Canosa.