Comezan as obras de renovación integral da rúa Andrés Pan Vieiro, no centro de O Burgo

O Concello de Culleredo iniciou unha importante intervención de reforma urbana no corazón de O Burgo. Trátase da modernización integral da rúa Andrés Pan Vieiro, situada no centro do núcleo.
Os traballos xa son visibles no cruzamento da vía coa avenida principal, fronte ao Edificio de Servizos Múltiples. Os operarios comezaron coa demolición das antigas beirarrúas en ambas as marxes, polo que se habilitou un itinerario provisional para peóns así como para o acceso aos inmobles.
O alcalde, José Ramón Rioboo, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, acordaron o cofinanciamento da actuación coa sinatura dun convenio de colaboración. En total o investimento é de 439.905,92 euros, dos que a institución provincial achega 250.000 euros, procedendo a cantidade restante das arcas municipais.
Rioboo explica que a intervención busca “incrementar a seguridade viaria poñendo o foco especialmente no peón”. O Concello ampliará e iluminará os pasos de peóns, elevando dous deles. Renovaranse os pavimentos de todas as beirarrúas e calzada da rúa, que estará adaptada á normativa de accesibilidade.
Os aparcamentos cambiarán de orientación na marxe dereita, permitindo aparcar marcha atrás en oblicuo. O ancho do carril incrementarase ata os 3,5 metros. Tamén se unificarán os accesos rodados a garaxes.
Como é habitual nas accións de reforma urbana do Concello de Culleredo, a actuación aborda tamén os espazos comúns. O mobiliario urbano será renovado desde un punto de vista sostible: para o novo empregaranse materiais procedentes de plásticos reciclados e redes de pesca de xestores de residuos mariños autorizados. Ao longo da vía efectuaranse diversas plantacións de árbores e zonas verdes.
Na contorna do Conservatorio crearase un espazo especial, con pavimento de formigón sobreelevado, iluminación específica, arborado e mobiliario urbano.
A iluminación será renovada con tecnoloxía LED, recolocaranse os sumidoiros e adecuarase a rede de pluviais, conectando as baixantes dos edificios lindeiros.
“Será unha reforma integral da rúa tanto a nivel funcional como de imaxe”, sinala Rioboo.
A rúa Andrés Pan Vieiro forma parte da trama residencial principal de O Burgo, servindo de principal conexión entre a avenida de Acea de Ama e Ribados, e funcionando como nexo para equipamentos como o Conservatorio, o CEIP Isaac Díaz Pardo, o polideportivo ou o campo de fútbol.