Comezan as obras das novas sendas peonís de Mabegondo e Montouto cun investimento de máis de 484.000 euros

ACoruñaXa
A actuación da Xunta permitirá crear preto dun quilómetro de itinerarios seguros ao longo da estrada AC-542, mellorando a mobilidade peonil nas dúas parroquias
obras-senda-montouto-abegondo
21 Jul 2026

As obras para construír as novas sendas peonís de Mabegondo e Montouto xa están en marcha no concello de Abegondo. A actuación, executada pola Xunta de Galicia tras concretarse entre o alcalde, José Antonio Santiso, e a Consellería de Planificación de Infraestruturas, ten como obxectivo mellorar a seguridade das persoas que transitan a pé pola estrada autonómica AC-542.

O proxecto conta cun investimento de 484.126,34 euros e os primeiros traballos xa son visibles no treito de Montouto, onde comezou a definirse o trazado dos futuros itinerarios peonís.

Na actualidade, o núcleo de Mabegondo dispón de beirarrúas e zonas de estacionamento na marxe esquerda da estrada, mentres que en Montouto non existían sendas peonís en ningún dos dous lados da vía. O alcalde, José Antonio Santiso, destacou que “son obras esenciais para que as persoas poidan percorrer estes camiños dun xeito seguro”.

No caso de Mabegondo, o proxecto inclúe a construción dunha senda de 430 metros de lonxitude pola marxe dereita da AC-542, entre a intersección coa estrada AC-221 e a rotonda situada no cruzamento coa DP-0106.

Pola súa banda, en Montouto habilitarase un itinerario peonil de 480 metros tamén pola marxe dereita da estrada, que rematará na intersección coa DP-0103.

En conxunto, ambas actuacións permitirán crear preto dun quilómetro de novas sendas cun ancho xeral de 2,5 metros, aínda que nalgúns puntos concretos esta dimensión será lixeiramente inferior debido ás características do terreo.

A intervención completarase con novas actuacións complementarias, entre elas a renovación da sinalización, a ordenación dos accesos e a conexión das novas sendas coas beirarrúas existentes.

José Antonio Santiso agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia “para seguir facendo realidade as peticións da veciñanza”.

0.13138604164124