Comezan as obras da nova área biosaudable do Parque Europa
O Concello da Coruña deu comezo esta semana ás obras de construción dunha nova área biosaudable no Parque Europa, un proxecto pensado para fomentar a práctica deportiva ao aire libre e ofrecer opcións de exercicio físico accesibles a toda a cidadanía. Este espazo situarase na zona sueste do parque, delimitado cun valado perimetral, e contará con tres zonas equipadas con máquinas como elípticas, dominadas e press sentado, deseñadas para traballar a flexibilidade, a mobilidade articular e o control postural.
Con 140 metros cadrados de superficie, o novo equipamento incluirá un firme de caucho para reforzar a seguridade das usuarias e usuarios, especialmente importante para as persoas maiores, principais destinatarias destas instalacións. A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, destacou que esta iniciativa responde ao compromiso do Goberno municipal liderado por Inés Rey de mellorar as infraestruturas deportivas nos barrios, impulsando tanto a saúde física como o aproveitamento de espazos municipais pouco utilizados.
Nos últimos meses, o Concello tamén inaugurou unha área biosaudable na praza do Parque, en Orillamar, e ampliou significativamente a zona de Palavea, multiplicando por catro a súa capacidade. Díaz sinalou que estas actuacións, así como a nova área de calistenia en José Toubes, en Catro Camiños, están pensadas para maximizar os beneficios sociais e deportivos dos espazos públicos.
“Queremos facilitar o acceso á práctica deportiva e á mellora da calidade de vida, especialmente para as persoas en idade avanzada, que son usuarias habituais destes espazos no Parque Europa e noutros barrios da cidade”, indicou a concelleira. A edil tamén fixo fincapé na importancia de completar as obras nun prazo dun mes, condicionado ás condicións meteorolóxicas.