Comezan as Festas dos Barrios na Coruña coas de Oza e A Gaiteira

ACoruñaXa
A programación intégrase dentro das Festas de María Pita e inclúe música e ocio para todos os públicos
Imaxe das festas dos barrios na Coruña
16 Ago 2024

As festas do barrio de Oza e A Gaiteira dan inicio, este venres 16 de agosto, ás Festas nos Barrios do mes, que se integran dentro da programación das Festas de María Pita 2024. O Goberno local, en contacto coas asociacións veciñais, organiza os festexos nos distintos barrios con actuacións musicais e para toda a familia durante distintas xornadas.

En Oza e a Gaiteira a xornada comezará cunha alborada e sesión vermú (na rúa da Gaiteira) amenizada por Donaire, ás 11.00  e ás 13.00 horas, respectivamente. Na praza da Cubela haberá actividades para todas as idades baixo o nome 'Dragón da Gaiteira' a partir das 16.30 horas, contando coa actuación final do circo familiar Patty Diphusa. Ás 21.30 horas, na rúa da Gaiteira, celebrarase o pregón de Pablo Díaz e Olga Kirk. Despois, a partir das 21.40 horas, serán os concertos de Catuxa Salom e Loita Amada.

As seguintes Festas nos Barrios en celebrarse serán as do Castrillón e Urbanización Soto, do 21 o 23 de agosto. Na primeira xornada, a do 21 de agosto, actuarán, a partir das 20.30 horas, a polifónica coruñesa Canticorum e o grupo Gin Toni's. O pregón será a cargo da concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Nereida Canosa. O 22 de agosto ás 10.30 horas celebrarase a festa infantil con inchables. Ás 11.30 horas haberá un intercambio de libros infantís, xuvenís e de adultos. Ás 13.00 horas será a festa da escuma e xa pola tarde, ás 18.30 horas, comezará o XV Concurso de Tortillas do Castrillón. Pola noite, a partir das 21.00 horas, actuarán Donaire e La Trova Coruñesa. O 23 de agosto a xornada comezará ás 11.00 horas cun obradoiro de marcapáxinas. Ás 11.30 horas haberá de novo un intercambio de libros, e ás 12.00 horas celebrarase unha sesión especial de Cascarillarte, co grupo de teatro Pedras de Cartón e o seu espectáculo 'Moby Dick'. Ás 18.30 horas habera xogos e deporte tradicionais e ás 23.00 horas comezará a verbena coa orquestra Marazul.

O venres 23 comezarán as festas na Sagrada Familia co seu día da familia, que se celebrará no parque da igrexa de San Rosendo de 16.00 a 20.00 horas. Pola noite dará o pregón Álex Centeno e actuará o Dúo Maracaibo. O sábado haberá, pola mañá, xogos para os máis pequenos e festa da escuma na praza de San Rosendo e unha sesión vermú a cargo da coral polifónica Centro Social Sagrada Familia e DJ A3060. Ás 19.30 horas haberá unha sesión de Cascarillarte con Aurora Artes Escénicas e Maruxiña e, pola noite, actuará Aixa Romay e DJ A3060. O domingo 25 a partir das 13.00 horas haberá pulpeira na pista polideportiva do barrio a prezos populares e actuará o conxunto Amizades para pechar as celebracións.

0.18382501602173