Comeza unha nova edición do proxecto Ecocomedores na Rerserva da Biosfera

ACoruñaXa
Actualmente son 16 comedores colectivos adscritos os que serven 6.850 comidas diarias elaboradas con verdura ecolóxica cultivada en explotacións de proximidade
Imaxe da presentación da nova etapa do proxecto Ecocomedores da Reserva da Biosfera
21 Mar 2024

O proxecto Ecocomedores da Biosfera iniciou este xoves unha nova etapa coincidindo coa xornada de lanzamento do programa para os próximos tres anos. Ata finais de 2026, o obxectivo será escalar a folla de ruta iniciada en 2015 no ámbito do consumo de produtos ecolóxicos en comedores colectivos, escolares e empresariais, para seguir fomentando hábitos alimentarios saudables ao tempo que se potencia a produción agroecolóxica local, os circuítos curtos de comercialización e, en xeral, a creación de riqueza no rural. Actualmente, os 16 centros adscritos serven 6.850 comidas diarias elaboradas con verduras e hortalizas ecolóxicas cultivadas en explotacións de proximidade.

O consorcio, integrado pola Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas, a Fundación Juana de Vega e a Escola Infantil Municipal A Caracola, traballará no marco do programa denominado “ECOCOMEDORES DA BIOSFERA II: avanzando cara á optimización produtiva, comercial e loxística” para sincronizar demanda con oferta e escalala para chegar ao máximo número de interesados neste novo modelo de consumo. O proxecto volverá contar co apoio económico da Fundación Daniel y Nina Carasso, que a través da convocatoria Alimentación Sostenible 2023 – Del campo a la mesa, achegará un 58,40% dun orzamento total de 119.440 euros.

A través dun cronograma de traballo xa definido, as frontes de actuación dividiranse en tres bloques complementarios entre si para actuar sobre todos os elos da cadea: cultivo - loxística, centros de consumo e gobernanza.

Un dos aspectos nos que se avanzou nos meses pasados foi na incorporación de novas explotacións. Actualmente, xa mostraron disposición a participar en ECOCOMEDORES DA BIOSFERA II outros 2 produtores que se sumarían aos 7 actuais.

En paralelo, aos centros escolares participantes prestaráselles asesoramento para organizar os menús saudables, elaborar novos pratos nutritivos e, en consecuencia, incrementar a demanda e a produción.

O último elo da cadea será definir un modelo de gobernanza do sistema alimentario en circuítos curtos adaptado á realidade deste territorio, que aglutine aos diferentes axentes públicos e privados implicados. A primeira mesa de gobernanza, que terá carácter cuadrimestral, tivo lugar hoxe mesmo coa asistencia de representantes da Consellería de Educación, Medio Rural, Política Social, Concello da Coruña, produtores, asociacións de cociñeiros, sector empresarial e TIC, ademais de representantes do consorcio.

Un proxecto pioneiro en Galicia

A xornada de lanzamento de ECOCOMEDORES DA BIOSFERA II contou durante a apertura con José Manuel Andrade, director da Fundación Juana de Vega, e con José Antonio Santiso, presidente da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas.

Durante os relatorios, Miguel Fernández, do equipo técnico da Reserva; Beatriz Ferreiro, da EIM A Caracola; e Beatriz Suárez, directora de Desenvolvemento Rural da Fundación Juana de Vega, fixeron un repaso dos inicios de ECOCOMEDORES, dos fitos conseguidos, dos novos obxectivos, así como dos cambios cualitativos e cuantitativos que se esperan implementar ata finais de 2026. “Ofrecer á nosa infancia alimentos de calidade e menús equilibrados é un deber da sociedade. Por iso, o servizo de comedor das escolas e dos colexios ofrécenos un espazo máis de educación que debemos aproveitar para transmitir a todas as persoas o valor dunha alimentación sa, equilibrada e variada”, destacaba Fernández.

Pola súa banda, Beatriz Ferreira, recordou que A Caracola leva oito anos apostando polos menús saudables e mostrouse moi ilusionada con esta nova etapa. A animou “a todas as administracións implicadas a sumarse para darlle un maior impulso, consolidarse e chegar a máis usuarios”. Xa por último, Beatriz Suárez, da Fundación Juana de Vega, recordou que “ECOCOMEDORES é un proxecto único en Galicia” que se basea en procesos respectuosos co medio e nun sector primario enraizado no territorio que dá vida ás comunidades rurais”.

Os asistentes á xornada desta mañá tamén puideron coñecer unha experiencia similar no relatorio de Izaskun Berasategi, que presentou o programa de menús “Hemengoak - De Aquí”. Este é un caso de éxito a nivel nacional que conseguiu regular o proceso de compra pública de produto ecolóxico para a Rede de Escolas Infantís Municipais de Pamplona ao tempo que consolidou as condicións económicas a percibir polos produtores e as directrices para elaboración das comidas.

0.1923360824585