Comeza unha nova edición do Mercado Templario de Culleredo con 132 postos e actividades para todos os públicos

ACoruñaXa
A presenza dos personaxes medievais, o espazo infantil ou as diferentes propostas gastronómicas destacan no evento
Imaxe do Mercado Templario de Culleredo
5 Xul 2024

Cheo total onte pola tarde en Culleredo na apertura dunha nova edición do Mercado Templario. Deste xeito, o Burgo convértese ata o domingo no Burgo de Faro, rememorando o seu pasado medieval como gran porto que foi.

A pé da ría e da ponte romana, o Concello organiza esta feira, que congrega nesta ocasión 132 postos de todo tipo. A artesanía e a gastronomía congregan as principais iniciativas.

A inauguración, ás 20.30 horas, foi boa mostra das características deste Mercado. Os personaxes como zancudos, seres mitológicos, ou bufóns deron a benvida aos visitantes, acompañados de moita música.

Os espectáculos serán continuados na programación do evento. Como adoita ser habitual, os de lume serán os máis visibles, polas noites. Cada xornada haberá numerosas propostas como pasacalles, trapecistas, batucadas, humor, e un longo etcétera.

Para os pequenos e pequenas haberá todos os días un espazo aberto de xogos infantís, talleres e atraccións ecolóxicas.

O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, destacou que o Mercado Templario implica un “efecto dinamizador” para o municipio. “Ano tras ano achéganse cidadáns dá comarca e provincia para desfrutar desde Mercado Templario nunha contorna espectacular”, explica, destacando que son miles de persoas as que visitan o espazo nos seus catro días de funcionamento.

O rexedor anima á cidadanía para visitar Culleredo para combinar desde mañá a feira medieval co XXIII Festival BurgoJazz, que se celebra de forma gratuíta no Xardín Botánico.

De venres a domingo o horario de apertura do Mercado Templario será desde as 11.00 horas ata a noite.

0.18758606910706