Comeza a restauración do muíño do parque de Santa Margarida da Coruña

ACoruñaXa
A intervención, cun orzamento superior aos 25.000 euros, renovará a cuberta e mellorará a conservación dos mecanismos históricos do muíño
Imaxe do muíño de Santa Margarita
4 Nov 2024

O Concello da Coruña iniciou os traballos de restauración do muíño do parque de Santa Margarida, un dos elementos etnográficos máis destacados da cidade. Esta intervención enmárcase nas accións do goberno municipal para a posta en valor do patrimonio cultural e a recuperación de espazos emblemáticos da cidade, segundo informou a alcaldesa Inés Rey.

A restauración céntrase na renovación da cuberta, actualmente deteriorada, o que ameaza a conservación dos mecanismos internos de moenda do muíño. “O mal estado da cuberta, especialmente polas filtracións de auga, pon en risco a estrutura e os elementos históricos do muíño,” sinalou a alcaldesa.

Neste sentido, os traballos de reparación inclúen a retirada das táboas en mal estado, a substitución da lámina protectora de PVC e a instalación de paneis de contrachapado de bidueiro que respectarán o deseño orixinal. Ademais, renovaranse as carpintarías das ventás con vidros laminados de seguridade, e protexeranse os elementos metálicos da cuberta con pintura especial resistente á intemperie.

A través desta intervención, que conta cun orzamento de máis de 25.000 euros, o Concello busca garantir a durabilidade e o valor histórico deste muíño tradicional. A alcaldesa destacou que esta actuación súmase a outras intervencións de recuperación patrimonial na cidade, como as realizadas nos Xardíns de Méndez Núñez, o Obelisco Millenium e o Quiosco Down da Praza de Ourense.

0.18178701400757