Coirós alerta de varios roubos en vivendas e solicita máis presenza policial no municipio

O Concello de Coirós alertou este mércores da aparición de varios roubos en vivendas do municipio nos últimos días. Os incidentes rexistráronse en Coirós, de Arriba e Collantes, segundo informou o Goberno local, que pediu á veciñanza que manteña a vixilancia sobre as súas propiedades e extreme as medidas de precaución.
Ante esta situación, o alcalde, Francisco Quintela, fixo un chamamento á colaboración cidadá e solicitou que se comunique de inmediato ás autoridades calquera movemento que poida resultar sospeitoso. En concreto, pide prestar atención á presenza de persoas descoñecidas ou vehículos alleos á contorna habitual das vivendas, así como a calquera comportamento que poida chamar a atención.
O Concello xa trasladou a súa preocupación á Subdelegación do Goberno e solicitou un incremento da presenza das forzas e corpos de seguridade do Estado no termo municipal. O obxectivo, segundo explica, é reforzar a prevención e ofrecer maior tranquilidade aos residentes ante os roubos rexistrados.
Quintela tamén quixo agradecer expresamente o traballo da Garda Civil de Betanzos e a colaboración que mantén co Concello, así como a atención que presta habitualmente á veciñanza de Coirós.
O Goberno local asegura que continuará en contacto coas forzas de seguridade e que manterá informada a poboación sobre calquera novidade relacionada con esta situación. Mentres tanto, insiste na importancia de avisar ás autoridades ante calquera indicio de actividade sospeitosa.