Cogomelos, música e comercio local enchen de actividade Teixeiro coa XXVI Exaltación

Teixeiro prepárase para vivir unha das fins de semana máis destacadas do seu calendario coa celebración da XXVI Exaltación dos Cogomelos, que terá lugar os días 24 e 25 de outubro na praza de España. A cita combinará gastronomía, micoloxía, comercio local e música tradicional, cunha programación pensada para atraer público durante as dúas xornadas.
Un dos principais atractivos será a Feira do Comercio Local, organizada pola Asociación do Comercio de Teixeiro e instalada nunha carpa na praza de España, que contará tamén cunha zona habilitada para xantar. A actividade comezará o sábado ás 12.00 horas, co pregón, ao que seguirá un showcooking ás 13.00 e a actuación de Os Carecos ás 14.00 horas. Pola tarde haberá unha nova demostración gastronómica ás 18.00 horas.
A programación continuará o domingo desde as 11.00 horas, cando abrirá novamente a feira. Media hora despois celebraranse dúas novas sesións de showcooking e, ás 13.30 horas, será a quenda do grupo Asuntos Prohibidos. Xa pola tarde, ás 18.00 horas, actuará a agrupación de pandeireteiras de Xacarandaina, antes dos sorteos e do peche da feira, previsto para as 19.00 horas.
Unha fin de semana para descubrir os cogomelos
A micoloxía terá tamén un papel central durante a celebración. Durante todo o sábado e o domingo poderá visitarse na praza de España unha exposición de cogomelos, mentres que o sábado pola mañá se organizará unha saída para a súa recollida.
A actividade partirá ás 10.00 horas da praza de España e estará guiada por especialistas en micoloxía da Asociación Pan de Raposo. Será unha oportunidade para coñecer diferentes especies e achegarse ao mundo dos cogomelos desde unha perspectiva divulgativa.
A gastronomía terá igualmente presenza máis aló da praza de España coa celebración dunha ruta gastronómica polos establecementos de hostalaría de Curtis e Teixeiro, que permitirá completar a programación festiva con propostas nos locais da zona.
A música tomará a praza o sábado pola noite
A noite do sábado estará reservada para a XIV Ruada de Teixeiro, que comezará ás 19.00 horas na praza de España cunha primeira 'foliadiña'. A continuación chegará a foliada con diferentes grupos convidados e, posteriormente, abrirase unha foliada para a participación do público. A ruada contará ademais con pinchos de balde, sorteos e un espazo habilitado para aquelas persoas que precisen pasar a noite na zona.
A XXVI Exaltación dos Cogomelos está organizada polo Concello de Curtis en colaboración coa Asociación do Comercio de Teixeiro e a Asociación Cultural Faragulla, co apoio da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña.