COGAMI volve co seu programa para mellorar a inserción laboral de persoas con discapacidade

ACoruñaXa | OurenseXa
O programa que se desenvolverá en Ourense, Ferrol, A Coruña e Pontevedra, pretende mellorar a inserción laboral das persoas con discapacidade
David Dacal, técnico de inserción laboral de plan integrado Ourense e Rosa Maria Manteiga, técnica de inserción laboral do plan integrado en A Coruña
26 Feb 2024

A área de Emprego da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) desenvolve para este ano 2024 un Programa Integrado de Emprego de Galicia para impulsar, favorecer e mellorar as condicións de empregabilidade das persoas con certificado de discapacidade recoñecida, dun mínimo do 33%, ou con incapacidade laboral para profesión habitual que concede a Seguridade Social.

O programa conta cun obxectivo de inserción que ten que ser como mínimo do 40% de participantes, unha porcentaxe que se superou na edición anterior, ao contabilizar o 58% de insercións.

O programa, financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e o Servizo Público de Emprego Estatal para incrementar a empregabilidade, conta coa participación de 100 persoas, 54 homes e 46 mulleres, todas inscritas na bolsa de emprego das oficinas que COGAMI ten en Ferrol, Ourense, Pontevedra e A Coruña. Nunha aposta pola formación como ferramenta base para lograr a inserción laboral, neste ano impartiranse 330 horas lectivas distribuídas en cursos con temáticas adaptadas ás necesidades das empresas e do mercado laboral, para que as persoas poidan inserirse na maior brevidade posible.

Logo de finalizar coa formación teórica, o Programa Integrado de Emprego de COGAMI 2023-2024 contará con 50 horas de prácticas non laborais en empresas que permitirán que o alumnado coñeza as súas necesidades e que as empresas coñezan como se desenvolve a persoa, podendo derivar nunha posible contratación.

Ademais da formación, realizaranse accións de información, orientación e asesoramento, técnicas de coaching, intelixencia emocional e motivación para a busca de emprego, habilidades sociolaborais e obradoiros para saber afrontar unha entrevista, ademais de fomentar a capacidade emprendedora e realizar prospección empresarial.

Tamén haberá un equipo técnico de inserción laboral formado por 4 profesionais atende ás 100 persoas seleccionadas da base de datos que a área de Emprego de COGAMI ten en Ourense, onde se seleccionaron 26 persoas: 2 do Concello de O Pereiro de Aguiar, 1 de San Cibrao das Viñas, 5 de O Barco de Valdeorras, 9 de Ourense, 2 de Xinzo de Limia, 1 de O Carballiño, 1 de Vilamartín de Valdeorras, 1 de Verín, 1 de Quintela de Leirado, 1 de Celanova, 1 de Barbadás e1 de A Merca.

Da oficina de COGAMI en A Coruña seleccionáronse 26 persoas: 11 persoas de A Coruña, 1 de Abegondo, 1 de Sada, 5 de Arteixo, 3 de Culleredo, 1 de Curtis, 3 de Cambre e 1 de Oleiros.
O servizo de Emprego de COGAMI en Pontevedra seleccionou a 23 persoas: 7 persoas do Concello de Pontevedra, 3 de Marín, 3 de Vilagarcía, 3 de Portas, 1 de Ponte Caldelas, 1 de Moraña, 1 de Vilaboa, 2 de Poio, 1 de Cambados e 1 de Vilanova.

A oficina de Ferrol seleccionou a 25 persoas inscritas na bolsa de emprego procedentes dos seguintes concellos da comarca: 7 persoas de Ferrol, 5 de Fene, 1 de Mugardos, 5 de Narón, 1 de Ares, 1 de San Sadurniño, 4 de Neda e 1 de As Pontes.

Todas as persoas seleccionadas dentro do Programa Integrado serán entrevistadas polo persoal técnico de inserción laboral para coñecer as súas capacidades e aqueles aspectos a traballar coa persoa candidata á hora de afrontar un posto de traballo.

 

 

0.15720295906067