Cinco propostas de música, teatro e danza conforman a terceira edición de 'Músicas Posíbeis' no Teatro Colón

ACoruñaXa
O ciclo da Deputación da Coruña desenvolverase durante o mes de novembro con actuacións de Antía Muíño, Sangre de Muérdago, a Escola Galega de Teatro Musical, a Banda Municipal de Música de Celanova e Leticia Rey
DIPU CORU novembro musical
2 Nov 2026

O Teatro Colón da Coruña acollerá durante o mes de novembro a terceira edición do ciclo 'Músicas Posíbeis', unha iniciativa da Deputación da Coruña que propón un percorrido por diferentes linguaxes artísticas e estilos musicais. A programación inclúe cinco citas que combinan canción de autora, folk, teatro musical, poesía e danza contemporánea, coa participación de artistas e formacións galegas.

A proposta arrincará o mércores 4 de novembro coa actuación de Antía Muíño, que presentará o seu novo disco, 'Anfibia por veces'. A cantante estará acompañada por Miguel Arribas nos ventos, Ton Risco nas percusións e Yudit Almeida no contrabaixo. A súa música móvese entre o jazz-pop, a canción de autora e a tradición vocal galega, cunha identidade propia dentro da nova escena musical do país.

O domingo 8 será a quenda de Sangre de Muérdago, cuarteto formado por Pablo Caamiña, Georg Börner, Xoel López e Saúl Nogareda. Cunha traxectoria próxima ás dúas décadas e concertos en Europa, Norteamérica e Asia, a banda desenvolve unha proposta integramente en galego na que combina instrumentos tradicionais e históricos con composicións de carácter atmosférico e poético. A natureza e a memoria ocupan un lugar central nun directo concibido como unha experiencia íntima.

O teatro musical chegará o sábado 14 coa Escola Galega de Teatro Musical e a obra 'Honra, a non historia de María Pita', con texto orixinal e música de Sara Fandiño e Daniel Maques. O espectáculo revisita o asedio inglés de 1589 á Coruña e cuestiona quen merece pasar á historia como heroe. A través da figura de María Pita e das persoas anónimas que participaron na defensa da cidade, a peza propón unha reflexión actual sobre a memoria colectiva e os relatos históricos.

A programación continuará o domingo 15 con 'Emocións, un camiño musical polas letras de M. Curros Enríquez', un espectáculo de grande formato dirixido musicalmente por Miguel Pérez Lorenzo, con composicións orixinais de Manuel Alejandro López Pérez e textos de Baldo Ramos. A proposta reunirá a Banda Municipal de Música de Celanova, a Coral de Ruada, o Coro Cidade de Vigo da ONCE, o Coro da Escola Municipal de Música de Vigo, a Coral Polifónica Solpor de Celanova e Rebulir Cultura Tradicional. O obxectivo é achegar a poesía de Curros Enríquez ao público a través da música, o canto coral e o baile tradicional.

O ciclo rematará o domingo 22 de novembro con 'Danza, Luz', unha creación sensorial e interdisciplinar da cantante e compositora Leticia Rey. A artista estará acompañada por varios músicos e unha intérprete de danza contemporánea nunha proposta que explora a sombra, o duelo e a transformación. A música en directo, a iluminación e o movemento articularán unha posta en escena centrada na vulnerabilidade e na beleza.

A deputada de Cultura, Natividade González, defendeu a aposta por propostas que exploran novos camiños musicais e que establecen conexións con outras disciplinas artísticas. Segundo sinalou, o ciclo busca dar visibilidade a creadoras e creadores con identidade propia, apoiar novas linguaxes e ampliar a diversidade da programación cultural.

As entradas para os cinco espectáculos xa están á venda.

0.17273187637329