Cinco probas converterán Oleiros nun punto de encontro para a orientación galega

ACoruñaXa
Gallaecia Raid, Ártabros e Liceo colaboran na organización dun mes dedicado a este deporte, con citas o 9 e o 30 de maio na contorna de Bastiagueiro
OLEIROS presentacion orienteacion infe
8 May 2026

Oleiros acollerá durante este mes de maio unha programación especial arredor do deporte de orientación, con cinco probas impulsadas conxuntamente polos clubs Gallaecia Raid, Ártabros e Liceo. A iniciativa conta tamén coa colaboración do Concello de Oleiros e estará vencellada ás actividades do 40º aniversario de INEF Coruña.

A primeira cita será este sábado, 9 de maio, na contorna de Bastiagueiro, Liáns, a Facultade de Ciencias do Deporte e Educación Física, o Parque das Galeras e o das 13 Rosas. A xornada incluirá unha proba de distancia media da Liga Galega de Orientación a Pé e a primeira proba da Liga Galega de Sprint.

A orientación é unha disciplina na que os participantes deben completar un percorrido coa axuda dun mapa, tomando decisións sobre o terreo para pasar polos distintos puntos de control. A proposta combina actividade física, estratexia e coñecemento da contorna, con percorridos pensados tanto para deportistas con experiencia como para persoas que se achegan por primeira vez a esta modalidade.

O calendario continuará o sábado 30 de maio, tamén en Oleiros, con outras tres probas: dúas da Liga Galega de Sprint e unha de Trail-O. Esta última modalidade pon o foco na interpretación exacta do mapa e do terreo, sen necesidade de correr, polo que permite competir en igualdade de condicións a persoas con e sen discapacidade.

Desde a organización destacan o traballo conxunto dos tres clubs coruñeses para sacar adiante unha programación que busca promover a orientación de base, achegar este deporte a futuros profesores e adestradores e reforzar a canteira. Tamén agradecen a colaboración das administracións e entidades implicadas para facer posible dúas xornadas de deporte, equipo e contacto coa contorna natural e urbana de Oleiros.

0.098184108734131