Cinco medallas para o CN Arteixo no gran escaparate das augas abertas

ACoruñaXa
Mateo García, Paula Otero e Paula Rodríguez regresan de Santa Eulària des Riu cun destacado botín nun Campionato de España que tamén formou parte da Copa do Mundo
ARTEIXO club natación ganadores
30 Apr 2026

O CN Arteixo pechou con nota a súa participación en Santa Eulària des Riu, en Ibiza, onde do 24 ao 26 de abril se disputou o Campionato de España de Augas Abertas, integrado tamén como segunda etapa da Copa do Mundo. A cita estivo marcada pola forte ondada e por unha participación internacional de máximo nivel, dúas circunstancias que elevaron aínda máis o valor dos resultados asinados polos tres representantes arteixáns.

Mateo García foi un dos grandes protagonistas da expedición. Nos 10 km rematou 21º na clasificación mundial e proclamouse subcampión de España. No 3 km knockout chegou ás semifinais, foi o mellor español da proba e ese resultado valeulle tamén o título nacional na disciplina. O nadador completou a súa actuación cun novo ouro no Campionato de España de 5 km, distancia na que acabou 7º da clasificación open.

Paula Otero tamén asinou un campionato de gran regularidade. Na distancia olímpica dos 10 km foi 17ª na Copa do Mundo e 4ª española, mentres que no 3 km knockout finalizou 12ª. A súa mellor recompensa chegou nos 5 km, onde subiu ao podio estatal coa medalla de prata tras ser terceira na clasificación open dunha carreira de enorme nivel internacional.

A actuación completouna Paula Rodríguez, que competiu en categoría Junior 2 e confirmou a súa progresión nun escenario especialmente esixente. Foi 7ª nos 10 km e 9ª no 3 km knockout, resultados de mérito nun campionato no que se mediu a rivais de gran entidade.

O balance colectivo tamén deixou unha das imaxes máis salientables para o club, xa que o CN Arteixo acadou o segundo posto na clasificación absoluta por equipos. Unha prata que redondea un regreso con cinco medallas e consolida ao equipo como unha referencia galega nas augas abertas.

0.1333110332489