Cinco detidos nun operativo contra unha rede que distribuía cocaína e haxix na provincia da Coruña

A Garda Civil e funcionarios de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria desmantelaron unha organización asentada na provincia da Coruña que presuntamente se dedicaba á venda e distribución de cocaína e haxix coa colaboración dun coñecido grupo criminal de Ferrol. A actuación saldouse con cinco persoas detidas, ás que se lles atribúen delitos de tráfico de drogas e pertenza a organización criminal, e con rexistros en Ferrol, Narón, A Coruña, Arteixo e Oza-Cesuras.
Durante a explotación do operativo, realizada en xaneiro de 2026, os axentes interviñeron 31 quilos de cocaína e 135 quilos de haxix, ademais de cantidades menores de marihuana e ketamina. Tamén se incautaron 85.000 euros en efectivo, cinco turismos e dúas motocicletas, así como armamento: un subfusil automático, cinco armas curtas e munición de 9 mm.
A investigación arrancou a mediados de 2024, cando o EDOA da Garda Civil da Coruña puxo o foco nun home veciño de Oza-Cesuras sobre o que existían indicios de vinculación co narcotráfico. Segundo a investigación, o sospeitoso mantiña un alto nivel de vida sen actividade laboral coñecida e dispoñía de inmobles e vehículos de alta gama.
Un dos momentos clave chegou a comezos de xaneiro de 2025, cando se incautou un vehículo nun control rutineiro en Porzomillos (Oza-Cesuras) no que se localizaron 5 quilos de cocaína e 10 quilos de haxix. O condutor, tamén veciño do concello, estaba relacionado coa trama investigada. En paralelo, Vixilancia Aduaneira mantiña aberta outra liña de investigación sobre o principal sospeitoso, o que levou a ambos corpos a coordinar recursos e unificar actuacións baixo o paraugas da Operación LEZNA.
Co avance das pescudas, os investigadores determinaron que o grupo operaba por faccións. A rama situada en Oza-Cesuras empregaría ata tres fincas propiedade do principal investigado para almacenar importantes partidas de droga e diñeiro. Ademais, a organización utilizaba un garaxe na cidade da Coruña como punto de apoio loxístico, onde a persoa encargada dos transportes gardaba ketamina e unha elevada cantidade de haxix. Desde Oza-Cesuras, segundo a investigación, realizábanse entregas a distintos puntos da Coruña e a Arteixo, onde no marco do operativo foi desarticulado un punto de venda abastecido pola rede.
A investigación tamén permitiu identificar, a mediados de 2025, a un dos supostos dirixentes dun grupo criminal de Ferrol, con antecedentes por delitos de drogas e tenencia de armas, que tería un papel determinante no abastecemento da organización. Ese subministro realizábase, segundo as indagacións, desde un 'piso gardería' localizado en Narón, no que se almacenaban drogas, diñeiro en efectivo e varias armas de fogo automáticas e semiautomáticas. A vivenda funcionaría como lugar de custodia con medidas de seguridade adicionais, ao non manter os seus moradores relación directa co resto dos integrantes.
A causa estivo tutelada pola Sección Civil e de Instrución número 2 de Betanzos e, tras pasar a disposición xudicial, catro dos cinco detidos ingresaron en prisión provisional.
Ao peche da presentación dos efectos intervidos na Comandancia, o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, destacou a coordinación entre a Garda Civil e a Axencia Tributaria e lembrou que a loita contra o narcotráfico segue a ser unha prioridade polas súas consecuencias directas na seguridade e na convivencia.