César Antonio Molina, novo membro do Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses

O Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses celebrou unha cerimonia especial este luns para dar a benvida a César Antonio Molina como novo membro da institución. O acto foi presidido pola alcaldesa da Coruña, Inés Rey, quen destacou a contribución do ex ministro de Cultura e ex director do Instituto Cervantes á promoción do patrimonio e á identidade cultural da cidade.
Durante a cerimonia, celebrada no Palacio Municipal, Molina recibiu a medalla do Instituto de mans da rexedora, que estivo acompañada polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, a directora do Instituto José Cornide, Ana Romero, e outros membros destacados da institución como María de la O Suárez e Felipe-Senén López.
Rey destacou no seu discurso a importancia da figura de Molina na historia recente da cidade: “César Antonio Molina é unha personalidade indiscutible da nosa cultura, cunha traxectoria exemplar que inclúe a súa contribución á declaración da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade ou o impulso do Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía”. A alcaldesa agradeceu tamén o seu apoio na recuperación da Casa Veeduría, agora un equipamento municipal.
Ademais de recoñecer os logros do novo membro, a rexedora eloxiou o labor da actual dirección do Instituto José Cornide, que está a renovar e fortalecer esta institución senlleira. “É fundamental preservar e poñer en valor o coñecemento local e recoñecer a quen, como Molina, dedicaron a súa vida a enriquecer a historia e a cultura coruñesas”, apuntou.
O propio César Antonio Molina agradeceu emocionado a honra de formar parte desta institución. Fillo da rúa da Torre, reivindicou as súas raíces coruñesas e sinalou que “A Coruña sempre foi un faro de cultura e ilustración, un exemplo de apertura ao mundo”. O acto concluíu cunha intervención musical e un aperitivo no que participaron os asistentes.