Cerca de 7.400 axentes velarán pola seguridade dos galegos na xornada electoral do 18F
O vindeiro domingo 18 de febreiro, un total de 7.364 efectivos das Forzas e Corpos de Seguridade estatais, autonómicos e locais estarán despregados para asegurar a normalidade na xornada electoral en Galicia. Así, o confirmou este mércores o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco.
En concreto, a Garda Civil despregará 4.178 axentes e a Policía Nacional, contando coa Unidade de Policía Adscrita, outros 2.182 axentes. Pola súa banda, os distintos corpos de policía local mobilizarán 1.004 axentes. Por provincias, na Coruña o dispositivo estará formado por 2.617 axentes (1.454 da Garda Civil, 792 de Policía Nacional e Policía adscrita e 371 da Policía Local); 1.133 na provincia de Lugo (774 da Garda Civil, 266 de Policía Nacional e Policía adscrita e 93 da Policía Local); 1.132 en Ourense (770 da Garda Civil, 267 de Policía Nacional e Policía adscrita e 95 da Policía Local), e 2.481 en Pontevedra (1.180 da Garda Civil, 857 de Policía Nacional e Policía adscrita e 445 da Policía Local)
A Delegación do Goberno ten as competencias en materia de seguridade nos procesos electorais. Entre as súas funcións está a de garantir a seguridade cidadá no exercicio dos dereitos e liberdades no día da votación; a vixilancia e protección de infraestruturas críticas, así como a ciberseguridade de todo o proceso e os dispositivos dos colexios electorais e as súas inmediacións, e a coordinación das Forzas de Seguridade do Estado coas corpos autonómicos e locais.
"O dispositivo, que estará operativo dende primeira hora da mañá e ata que se faga público o reconto de votos, velará por que a xornada electoral decorra sen incidencias nos 2.346 colexios electorais repartidos pola comunidade", apuntou Pedro Blanco. Colexios nos que poderán exercer o seu dereito ao voto 2.217.089 persoas electoras residentes en Galicia das 2.696.177 que compoñen o censo electoral na comunidade. As restantes 476.544 corresponden ás persoas electoras residentes no estranxeiro (CERA).