CCOO anuncia unha mobilización para exixir a devolución xusta do IRPF aos antigos mutualistas

ACoruñaXa
O sindicato insta ao Goberno a adoptar mecanismos que garantan a equidade
ccoo
19 Feb 2025

Comisións Obreiras (CCOO) anuncian unha mobilización este xoves 20 de febreiro, co fin de reclamar xustiza na devolución do IRPF dos antigos mutualistas. O sindicato denuncia que o proceso establecido polo Goberno central está a xerar discriminacións e agravios comparativos entre as persoas afectadas, polo que urxe a aplicación de medidas correctoras. Por este motivo, o sindicato convoca unha concentración ás 11.30 horas diante da Delegación do Goberno en Galicia (A Coruña), á cal asistirá a secretaria xeral, Amelia Pérez.

Tras diversas sentenzas na súa contra, a AEAT recoñeceu a comezos de 2024 o dereito das persoas pensionistas a reduciren unha porcentaxe da súa base impoñible do IRPF, en función das cotizacións realizadas ás antigas mutualidades entre 1967 e 1978 (un 25 % da parte correspondente da pensión) e as anteriores a 1967 (100 %).

Para facilitar a devolución, en marzo dese ano habilitouse un formulario electrónico para facilitar o proceso. Porén, unha disposición incluída na reforma fiscal aprobada polas Cortes Xerais deixa sen efecto as solicitudes de devolución que non estivesen resoltas antes do 22 de decembro do 2024, ao tempo que desactivaba o xa mencionado formulario.

CCOO considera inxusto que moitos traballadores e traballadoras, que cotizaron durante anos aos antigos sistemas mutualistas, vexan limitadas ou incluso negadas as devolucións que lles corresponden. O sindicato insta ao Goberno a adoptar mecanismos que garantan a equidade e a transparencia no proceso, evitando que determinadas persoas queden excluídas de forma arbitraria.

 

0.17896890640259